Tras as pegadas de Romasanta: O retrato do Lobishome

Artigo da nosa autoría publicado (primeira parte) hoxe 14 de decembro de 2011 no periódico Faro de Vigo, edición Ourense, con motivo do 148 aniversario da morte de Romasanta.

 Retrato de Manuel Blanco Romasanta, por Vicente Urrabieta

Manuel Blanco Romasanta (Regueiro-Esgos, 18-11-1809; Ceuta, 14-12-1863), máis coñecido como o “Home Lobo de Allariz”, e sen dúbida un dos casos xudiciais acaecidos en Galicia máis célebres e citados a nivel internacional.

De oficio tendeiro ambulante e bo coñecedor dos camiños de montaña, entre os anos 1846 e 1851 coa promesa dun mellor futuro ofreceuse a levar a servir a boas casas de Ourense e Santander a  diversos membros das familias García Blanco e Rúa, dos pobos de Rebordechao e Castro de Laza. Desta xente unha vez iniciada a viaxe non se volvía a ter noticias, salvo as que proporcionaba o propio Romasanta, e foise estendendo a crenza de que as asasinara na Serra de San Mamede para sacarlles o unto que logo vendía á botica de Chaves, razón pola que deu en chamárselle “O do unto”. A graxa humana ten atribuída dende antigo propiedades medicinais e máxicas, proliferando en todo tempo novas reais ou inventadas sobre os sacauntos dedicados a ese vil tráfico.

Os rumores, xa clamor popular, motivaron a fuxida de Romasanta para Castela en febreiro de 1852 cun salvoconduto expedido cun nome falso (Antonio Gómez) en Vilariño de Conso. Deu a casualidade que tres veciños de aldeas da zona (Tamicelas, Vilameá e Laza) que formaban parte dunha cuadrilla de segadores atopárono pouco tempo despois en Nombela-Toledo e denunciárono coma un famoso asasino buscado en Galicia.

Apresado e remitido primeiro ao Xulgado de Verín e despois ao de Allariz, o mito do lobishome irrompe cando na súa sorprendente confesión Manuel Blanco manifesta estar afectado dende 1839 por unha maldición que o fai mudarse en lobo, e baixo esta forma recoñece ter asasinado e devorado a trece persoas.

Todas estes crimes dicía cometelos na compaña doutras dúas persoas, Don Genaro e Antonio, valencianos, afectados pola mesma maldición, dos que non houbo nunca constancia certa. Quizais esta compaña (seguramente imaxinaria) teña que ver coa difusión dun prego de cordel no que dous xoves de Valencia son convertidos en lobos por castigo divino, prego que mesmo cita na causa o avogado defensor Manuel Rúa Figueroa. Lembremos tamén que “Don Genaro” era o nome que nalgunhas partes de Ourense se lle daba ao lobo.

Os facultativos de Allariz que estudaron a Romasanta desbotaron calquer tipo de trastorno mental, calificaron a transformación en lobo como de conto de fadas, e describían a Romasanta como unha persoa astuta, fría e calculadora. Este informe médico, xunguido á confesión recoñecendo os crimes, a desaparición constatada das nove persoas, a venta de efectos persoais das vítimas que Romasanta fixo,  e o achádego de diversos restos humanos nos escenarios dos crimes, fundamentaron a sentencia de 6-4-1853 do Xulgado de Allariz que condenou a Manuel Blanco Romasanta como autor de nove homicidios con alevosía e premeditación á pena de morte en garrote.

A causa foi remitida a consulta á Audiencia Territorial da Coruña, onde se acrecentou a expectación, con grande concorrencia de público ás vistas que se celebraron.

 O home-lobo na prensa

O lobishome lendario entra nos anais da historia: O xuizo a Romasanta aparecerá xa en adiante en todos os xornais e revistas da época como a “Causa contra o home lobo”, tomando carta de natureza tal apelativo. Malia todo en Galiza segue sendo coñecido popularmente coma o “home do unto”, que quedou mais fondamente gravado no imaxinario galego.

 Dende a mesma detención de Romasanta a prensa nacional e pouco despois a internacional amosan un inusitado interese e dan cumprida reseña do que vai acontecendo. Na hemeroteca da Biblioteca Nacional de España atopamos arredor de cincuenta notas na prensa, tanto de xornais de Madrid, La Época, La España, El Clamor Público, La Esperanza, El Heraldo de la Mañana, El Católico, El Genio de la Libertad, como en xornais galegos (El Coruñés), ou folletíns e revistas coma La Ilustración, La Ilustración Artística, El Mundo Pintoresco, El Periódico de Todos.

Na prensa internacional, atopándose referencias en xornais británicos e franceses, nos que mesmo magnifican os seus crimes, imputándolle ter comido a dous ou tres dos seus propios irmáns (The morning  Chronicle, 21-7-1852, Londres, Inglaterra).

 Mercé a esa difusión, prodúcese a providencial intervención dende Alxer do doutor francés Joseph-Pierre Durand De Gros (alias Mr. Phillips) que influirá na resolución da causa. Mr. Philips foi un dos precursores na aplicación médica do hipnotismo, daquela chamado co exótico nome de electrobioloxía. Despois de ler no xornal “El Akhabar” o caso do home lobo, Mr. Philips escribe ao Ministro de Graza e Xustiza español expoñéndolle que Romasanta estaba afectado por unha monomanía coñecida como licantropía, e que mediante a hipnose podía ser tratado con éxito, solicitando se lle fixeran novos estudos médicos.

A pesares de ser reproducida esta petición ante a Audiencia Territorial da Coruña, finalmente dicta sentencia de 20-4-1854 confirmando a pena de morte en garrote polos nove homicidios.

 Pero a sorte de Manuel Blanco non estaba decidida: A raíña Isabel II, coñecedora das teorías de Mr. Phillips, intervén decisivamente na causa conmutándolle por Real Orden de 13-5-1854 a pena de morte pola de cadea perpetua.

 A pesar do tempo transcorrido dende o caso de Manuel Blanco Romasanta aínda quedan moitas incógnitas e datos a desvelar, sobre todo mergullándose na prensa histórica e publicacións coetáneas ao proceso. Así, atopamos recentemente na revista La Ilustración. Periódico Universal (26-6-1854, Madrid) novas remitidas por un suscriptor da Coruña ca descrición de Romasanta feita polos facultativos de Allariz, xunto cun retrato de “El hombre-lobo” realizado polo famoso litografista madrileño Vicente Urrabieta, que quizais sexa o único retrato existente do mesmo. Será preciso un estudo antropométrico do gravado para determinar se é unha imaxe idealizada ou en qué medida coincide cos informes fisiognómicos obrantes na causa.

[Inserimos no retrato unha pequena marca de auga no pulso da camisa, do Arquivo Castro Vicente]

 Acaso un dos misterios máis importantes ten sido o do seu paradeiro despois do indulto e o seu destino final, transformándoo nun personaxe quasi-lendario, tema que trataremos proximamente.

Advertisements

About Castor e Felix Castro

Músicos e investigadores en patrimonio musical e etnográfico galego
Esta entrada foi publicada en Tras as pegadas de Romasanta. Ligazón permanente.

Agradecemos os vosos comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s