O Santo Grial, entre Galicia e Tracia

Despois de moitos días de moer nas cousas, tiñamos pensado empregar este blog, non só para publicar novos traballos e actividades nas que esteamos enleados, senón tamén recuperar gravacións de anos pasados difíciles de atopar, reflexións sobre a música tradicional en xeral, ou sobre as investigacións que estamos a facer sobre Romasanta.

Durante tantos anos de recolleitas, entrevistas, e despois da despedida de xente tan importante para nós, como Paco de Escornabois e Faustino Santalices fillo, con quenes compartimos tantas cousas e aprendimos tanto,  nalgún xeito un sinte que váise quedando orfo musicalmente, e ao repasar as súas historias, escritos e músicas, xurden infinidade de preguntas que van quedar sen resposta, preguntas que non foron feitas ao seu tempo.

E cada vez que ocorre non podo deixar de lembrarme do caso de Parzival na Búsqueda do Grial, do poema épico medieval de Wolfrang Von Eschenbach.


Parzival-Darstellung Washington (D.C.), Libr. of Congress, Rosenwald Collection, Ms. 3, Bl. 6v

O reino enteiro e máis o propio rei Anfortas, gardador do Grial, estaban sumidos nunha desolación permanente: A terra, erma; o rei eivado nunha cama. Para a súa sanación, a persoa que tivese a fortuna de acadar a visión do Grial só tiña que saber formular ante el as preguntas correctas “A quén serve o grial?”.


Cando Parzival chegou ao Castelo e tivo a fortuna de ver a procesión do Grial, el que era un cabaleiro ben educado e dixéranlle de neno que a curiosidade e as preguntas tontas eran unha descortesía, non formulou a pregunta correcta. E inmediatamente sonou unha voz estrondosa, dicíndolle “Xoven necio, non formulaches a preguntas que debías! Con elo terías curado ao rei e o seu reino!” E condenándoo a continuar a súa penosa peregrinaxe ata que un día obtuvera novamente a honra da visión do Grial e unha nova oportunidade.

Dalgún xeito, neso andamos todos, na busca dos innumerables griais que están agochados no país e esperando ser quén de formular as preguntas correctas.

No ano 2009 dentro do IX Día do Orgullo Gaiteiro, AOFT Gomes Mouro homenaxeou xunto co gaiteiro Faustino Luis Seonae do Canizo-A Gudiña, homenaxeamos ao filólogo Antón Santamarina e á musicóloga Dorothé Schubarth, como autores da maior recompilación de cantos tradicionais galegos, o Cancioneiro Popular Galego, 7 tomos con materiais recollidos nos 80 e publicados pola Fundación Pedro Barrié de la Maza.

Os homenaxeados, grazas ao apoio da Universidade de Vigo a través de Iván Area, viñeron ao Campus de Ourense a dar unha charla sobre a súa experiencia durante o traballo de campo para elaboración do cancioneiro.

Naquela charla, memorable, Dorothé Schubarth amosou entre outras dúas cantigas que me impresionaron, recollidas por ela en lugares tan distantes como Galicia e Tracia (Bulgaria), que en sí mesmas encerran un pequeno ou grande Grial. É o caso dos cantos de seitura. Os cantos de seitura entonábanse nesta dura labor do campo. Prácticamente en toda Galicia só se conservaron na zona sureste da provincia de Ourense, é dicir, a Limia, Verín etc. Son moi característicos, pois teñen todo un debuxo melódico, ou melismas, que se dan en poucos cantos galegos.

Hoxendía como canto vinculado a un traballo específico desapareceron. Como dicía o maestro D. Ramón Otero Pedrayo, nestes tempos en que as faenas agrícolas fánse con máquinas, non hai lugar para os cantos.

Canto de seitura, recollido en Riós (anos 80) por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina


Canto de Tracia


Engadirei a continuación o canto de seitura interpretado por Pura Peaguda Dacal (87 anos), sobriña do cego da Gándara-Porqueira (Ourense) e que gravamos o 11-6-2011

O canto  foi recollido por Dorothé na rexión de Tracia, ao Sur de Bulgaria, a terra de Orfeo (ela xentilmente aclarounos iste erro que cometín neste artigo do blog) que está aló nos confíns de Europa, a máis de 3.500 km de Riós. Vése unha semellanza, case unha identidade musical, realmente sorprendente entre todas estas interpretacións: Recoñecendo certas diferenzas nas ornamentacións, propias daquelas ou destas terras, o tempo, a altura musical son coincidentes, e vos encherá a cabeza de preguntas: Cómo é posible que persoas de  sitios tan distantes canten igual? En qué tempos viaxaron estas melodías, si é que viaxaron? Difusionismo ou polixénese? (as teorías difusionistas teñen xa pouco predicamento)  Preguntas que deberíamos ser desvergoñados –non como Parzival-, e formulalas a tempo e con valentía, antes de que estas músicas desaparezan irremediablemente.

Epílogo

Antón Seoane, de Milladoiro, no congreso sobre Faustino Santalices en Ourense no mes de Marzo de 2011, dixo que a voz de Santalices mesturada coa súa zanfoña era unha especie de Mantram, de Mantram do universo, cunha capacidade de evocación tremenda. E que a máis misteriosa e enigmática de todas as pezas que gravou Faustino foi, non os temas que popularizou e están no imaxinario de todos os galegos (como o Alalá das Mariñas, o Axéitame a Polainiña, ou o Romance de Don Gaiferos); senón que tiña como o máis enigmático e especial precisamente o canto “Hei d´ir á túa seitura”. E non lle falta razón.


Faustino Santalices, Anos 20, Foto Pacheco

Arquivo Faustino Santalices Muñiz (Dixitalización: Edenia)

Advertisements

About Castor e Felix Castro

Músicos e investigadores en patrimonio musical e etnográfico galego
Esta entrada foi publicada en Faustino Santalices, Gomes Mouro, Música tradicional. Ligazón permanente.

One Response to O Santo Grial, entre Galicia e Tracia

  1. Hoxe 16-4-2013 rectifico o título e texto da entrada, xa que Dorothé moi amablemente despois de lela precisoume que o canto non é macedonio, senón da Tracia, ao Sur de Bulgaria. Moitísimas gracias pola comentario, e polos teus anos de traballo, dedicación e amor á nosa Terra, para nos descubrir tantas xoias musicais.

Agradecemos os vosos comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s