Sólidos Galicianos: A Mazurca do Cachoupiño EBA 5.0

eba portada

No ano 2009 saíu a rúa o libro-cd  EBA 5.0, o universo de Eduardo Blanco Amor 50 anos despois d´A Esmorga, publicado pola Difusora de Letras, Artes e Ideas.

Unha obra realmente recomendable, composta de libro de 108 páxinas con textos sobre a personalidade de Blanco Amor, banda deseñada, e mesmo un xogo de mesa, e máis un cd con 12 aportacións musicais de bandas ourensás.

Como Sólidos Galicianos (Pancho Alvarez, violín e voz; Alvaro Iglesias, contrabaixo; Félix Castro, acordeón diatónico; Cástor Castro, bouzouki; e a colaboración de Gomes Mouro e Ico Rafael como coro tabernario, copas, chancas e demais balbordo), participamos no concerto e gravación en directo dun tema orixinal que titulamos A Mazurca do Cachoupiñocon música propia sobre letras de Eduardo Blanco Amor, Rosalía de Castro e Faustino Santalices,   inspirada no seguinte sucedido  do libro, na casa da Nonó…

 “Ó outro lado da porta ouvíase no salón á pándiga que armaban os fletes coas pupilas, bailando ó compás do guitarrón do cego de Cudeiro, que botaba as mazurcas en castrapo, coa voce arronquecida:

Si el mar tivera barandas   /  Fuérate ver al Brasile,  /  Pero coma no las  tiene  /  Mi vida non poedo ire… /¡ai si!

 Logo facendo castañolas e ferreñas con canto poideron apañar para meteren bruido, sentiuse que dous deles, que debían sere o Jiménez e o Quintela, que decote facían esa gracia, armaron un cachoupiño entre as risadas de todos, marcando con carraxe os puntos no estrado de táboas, como nun redoblante:

Ai, polo pé,  / Pola punta do pé, /  Pola rabia do pé,

Polo cachoupiño….  / Polo cachoupé…”  

(Eduardo  Blanco Amor-A Esmorga)

Eís o que imaxinamos ocorreu co iles despois do libro, e que incluimos nos créditos do disco:

Nunca se chegou a saber qué relación tiña o Cego de Cudeiro co Cibrán, o Bocas e o Milhomes. Estiveran a noite de autos xuntos na casa da Nonó montando unha pándiga de xa cho creo. O cego cantou unha mazurca que os fletes e as pupilas bailaron montando un cachoupiño, espíndose e chanqueando cun barullo do demo. 

A mañá seguinte sortiu co guitarrón e nunca máis volveu, poñendo auga por medio. Din que se xuntou cun sambexugas que gustaba de ir á ponte vella a pasar o tempo fedellando nun acordeón de trécolas mentres vía correr a auga dende os balcóns, chovera ou chuzara, e cun cego copleiro que rabuñaba no violín cantares de crimes e non perdía unha feira, sempre na compaña dun sobriño que o seguía con traballo a todas partes.

Organizaron unha pequena orquestra que seica faguía unha música rabeosa, brava e atrevida e embarcaron a facer as Américas. Recorreron Río de Janeiro, Bós Aires, Caracas e Nova Iorque, espallando a moda do Cachoupiño. O cego tivo que mellorar o seu galego e pulir un castellano de señorito; o que as crónicas non contan é se chegou a ser trilingüe, aínda que eso si, de harmonía sabía bastante.

Que a disfrutedes.

Advertisements

About Castor e Felix Castro

Músicos e investigadores en patrimonio musical e etnográfico galego
Esta entrada foi publicada en Música tradicional. Ligazón permanente.

Agradecemos os vosos comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s