As cantigas de Martín Codax por Faustino Santalices


Faustino Santalices Muñiz no artigo “Madera de artista” de Xoán Luaces, para a revista “La mirada”. Fotografía: Larry Mangino (descoñecemos a data de publicación).

Unha das representacións dentro do imaxinario galego na que Faustino Santalices influiu decisivamente foi sen dúbida a da zanfoña como instrumento de xograr.

Santalices na súa rehabilitación da zanfoña a través das súas interpretacións públicas e rexistros sonoros, legounos a zanfona como un instrumento plenamente integrado na tradición galega nun sentido amplo. Así, gravou non só cantos de cego, tamén repertorio bailable (xotas e muiñeiras), marchas procesionais, romances, pezas de autor (Lonxe da Terriña), e mesmo xéneros non interpretados orixinariamente con ela, como alalás e cantos de seitura.

Sabemos que as cantigas de Martin Codax formaron parte do repertorio de Faustino Santalices, e en diversos estudos valoramos a posibilidade de que Faustino Santalices as tivese tamén rexistrado en 1952 xunto cas gravacións históricas de zanfoña, permañecendo inéditas (algo así ocorreu, por exemplo, ca Marcha de Santa Lucía para Rairo, gravada en 1949 pero que non foi comercializada nos Eps de 1959 nin incluída no LP de 1976). Algunha testemuña das sesións de gravación na casa Columbia en Madrid, nomeadamente Xesús Alonso Montero, ten declarado nalgunha entrevista que Faustino Santalices gravara as cantigas de Martin Codax, que de ser así, hoxendía permanecen perdidas.

Nestes traballos de tecer e destecer datos, documentacións, citas e referencias, váise avanzando moi pouco a pouco, e relataremos cómo achamos unha destas Cantigas.

No arquivo que Faustino Santalices Muñiz, Faustino fillo, atesorou na súa casa en Pontevedra, dispoñemos de numerosa documentación de seu pai, e outra que foi xenerando durante anos.

Nela figuran diversas cintas de audio con entrevistas aos medios que dan conta de todo o seu traballo como perpetuador da memoria de Faustino Santalices pai, e en concreto hai unha que ten un valor documental destacable, pois corresponde ao audio da intervención de Faustino Santalices fillo no programa de TVE Ismael y la Banda del Mirlitón, que foi emitido o 4 de abril de 1976.

Malia que Faustino fillo non seguiu a vea gaiteiril de seu pai, si que se adentrou no mundo da zanfoña, que como el dicía era moito máis doado para practicar nun piso en Madrid, e neste programa de TVE de 1976, podemos escoitar diversos temas de zanfoña interpretados por Faustino fillo, inéditos, entre eles, este fragmento dunha Cantiga de Amigo de Martin Codax que, gracias aos comentarios de Fernando Conde sabemos que se corresponde á Cantiga nº. 3, “Mia yrmana fremosa treides comigo”


Faustino fillo non tiña coñecementos de solfexo; tal e como contaba as músicas que interpretaba aprendéraas direitamente de escoitar a seu pai, e gracias a el temos xa unha das cantigas que Santalices interpretou á zanfoña.


Cantiga nº. 3. Pergameo Vindel. Nova Iorque, Biblioteca e Museo Morgan, Vindel MS M979 1276-1300. Alicante: Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes 2003.

Mergullándonos de novo no Arquivo Santalices, achamos este seu texto ca transcrición da letra desta Cantiga III, comentarios e notas manuscritas sobre cómo debe interpretarse.


Hai moitos outros escritos de Santalices abundando nesta materia, e supoñemos que esa é a razón de que aquí as notas aparezan riscadas (se temos tempo, en futuras entradas continuaremos afondando nesta súa visión das melodías medievais).

Interésanos agora dar uns pequenos apuntamentos sobre a cronoloxía das cantigas, contando cos datos que achamos no Arquivo Santalices Muñiz e mais outros xerais aportados polo historiador Ramón Piñeiro (en correo elecrónico de 25-1-2011), para comprender a importancia do traballo de Santalices neste ámbito:

En 1914 o libreiro anticuario Pedro Vindel de Madrid descubre as cantigas de Martin Codax.

En 1915 Pedro Vindel fai unha publicación facsimil do pergamiño, auxiliado polo catedrático Víctor Said Armesto.

Santalices adquiriu a súa primeira zanfoña no pobo de Lueda-Bande, en 1898. Non sabemos o tempo que tardou en facela soar, nin cando comezaron as súas primeiras interpretacións, mais no homenaxe ao Dr. Alvarado en abril de 1915, reseñado na prensa da época, xa se fala de Santalices como “meigo de la zanfona y de la gaita”,

En 1918 Jaime Solá nun seu artigo titulado “A Zanfona” (Vida Gallega, nº. 107, 15-5-1918), relata a súa visita ao taller de zanfonas de Santalices en Ourense, e a califica (sen dúbida seguindo as informacións de Santalices) como “instrumento que debió andar en manos de nuestros juglares cuando nacía en Compostela nuestra lírica y se irradiaba por todas las tierras de la Iberia“.

En 1920 (segundo explica Ramón Piñeiro) a idea do xograr acompañándose ca zanfona cantigas medievais xa formaba parte do imaxinario dun círculo de intelectuais e comeza a reflectirse en diversas obras (entre outros, Manuel Vidal Rodríguez, San Luis Romero).

Santalices en todas as súas intervencións públicas naquela altura xa vinculaba a zanfoña ao seu pasado medieval, así aparece p.ex. no festival do Teatro Principal de Ourense para os soldados ourensáns (1-1-1922), onde Santalices ca zanfona entre “ovaciones estruendosas, tocó y cantó acompañándose unas coplas alusivas a la fiesta y al simpático fin de la misma, de su cosecha, porque quiso recordar aquellos medioevales tiempos en que trovadores y juglares, con aquel instrumento, iban de castillo en castillo cantando coplas de amor” (El Correo Gallego, Ourense).

Durante os anos 20 aparecerán tamén numerosas reseñas como os artigos de Jaime Solá sobre Santalices, a zanfona e a música medieval, en La Libertad (Madrid, 26-6-1923), El Faro de Vigo (30-8-1925).

A primeira cita textual de Santalices a Martin Codax que coñecemos aparece no poema “Fala a zanfona” cando expresa “E fun con Pedro da Ponte / e Martín Códax, escrava / d´os seus cantares d´amor….”, que vemos publicadas parcialmente en prensa o 8 de febreiro de 1928 en “El Pueblo Gallego”, con motivo do festival organizado polo Coro De Ruada en homenaxe a Xavier Prado Lameiro.

Nas gravacións de zanfona para Regal do ano 1929, Santalices incluiu unhas pequenas explicacións sobre a orixe medieval da zanfoña, instrumento predilecto dos xograres, que repetirá en moitos dos seus artigos.

En 1929 Eladio Rodríguez, Presidente da Real Academia Galega, deu conta destas interpretacións das cantigas codacianas por Santalices no artigo “Tierra gallega para un panteón gallego en Buenos Aires” no Boletín da RAG nº. 216, ano 1929 cando fai a reseña dun concerto del:

“…Por eso, cuando los dedos del artista recorren traviesos y juguetones el teclado de la

zanfona, por la imaginación de los que saben oírla pasan las romaxes aldeanas, las

regueifas, los cantares picantillos, las coplas improvisadas, las meriendas en el souto,

a la sombra de los añosos castaños...y se oyen las cántigas del siglo XIII de Martín

Codax con su propia música…y parecen evocarse los antiguos trovadores y los viejos

cancioneros, que hablan de un remoto pasado, literariamente esplendoroso.”

Será a finais dos anos 20 (Ramón Piñeiro) cando tamén a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra incorpore ao seu programa repertorio medieval, con adaptacións das Cantigas de Santa María e do Códice Calixtino, e en 1945 fan a primeira gravación comercial coñecida das cantigas de Martin Codax (RS 14283).

Mais como vemos, todo isto acontece tempo despois de que Santalices as tivera difundido ao son da súa zanfona e comezara a forxar a súa figura como o último xograr galego, con interpretacións e conferencias sobre as Cantigas en foros destacados. Por citar algúns, no Congreso das Ciencias en Santiago (4-8-1934), no I Concurso Internacional de Canciones y Danzas populares en Madrid (22-7-1949), no que acadou o 1º Premio de Instrumentos clásicos ca zanfona (convidado persoalmente polo organizador García Matos quen insistira na súa participación, dada a rareza deste instrumento), ou na memorable actuación no Palacio Xelmírez (28-7-1952).


Exemplar no Arquivo Santalices de “El genuino Martín Codax” por Santiago Tafall Abad no Boletín de la Real Academia Gallega, Ano XI e XII, diversos números. Coruña, setembro de 1916 a xuño de 1917. 17 x 24 cm. Está anotado por Santalices na capa, e fechado no seu interior como “Orense, 3 de agosto de 1931” que supoñemos sexa a data en que o comprou (posterior ás datas nas que Santalices de feito xa interpretaba as cantigas).

A encadernación está feita cun fragmento dun pergameo recollido por Faustino Santalices na rúa tralo incendio da Biblioteca do Instituto de Ourense o 8 de decembro de 1927.

Para saber máis sobre Santalices e as cantigas medievais:

-Carlos Villanueva, “Una nueva lectura de la obra de Faustino Santalices”, en Homenaje a la Dra. Socorro Ortega. P. 811-838. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2002.

– Faustino Santalices. Ciencia da gaita, consciencia da zanfona. Tradición musical galega. Actas do congreso. Coord. Cástor e Félix Castro. Ourense: Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2011.

-Biblioteca Cervantes Virtual. Martín Codax.

http://www.letrasgalegas.org/bib_autor/Codax/

Advertisements

About Castor e Felix Castro

Músicos e investigadores en patrimonio musical e etnográfico galego
Esta entrada foi publicada en Faustino Santalices, Música tradicional. Ligazón permanente.

Agradecemos os vosos comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s