Iniciamos nova categoría no noso blog, para ir publicando traballos que temos feito relacionados cos libros do demo, o Ciprianillo, a busca de tesouros, e ocultismo galego. Materias moi apaixoantes e nas que sobre todo Félix ten afondado nos últimos quince anos, acadando a que posiblemente sexa a maior biblioteca de grimorios antigos e libros afíns da península.
Para abrila, presentámosvos a comunicación “Cunqueiro e o Dicionario Infernal de Collin de Plancy” de Félix Castro.
Esta comunicación foi lida no Congreso “Mil e un Cunqueiros” organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración cas universidades galegas, e que tivo lugar en Compostela do 28 de setembro ao 1 de Outubro de 2011 (o texto correspóndese ás preactas publicadas en cd).
Para quen non o saiba, o Dicionario Infernal do francés Collin de Plancy foi un dicionario enciclopédico de ocultismo e crenzas populares, precursor para moitos dos estudios etnográficos e antropolóxicos arredor das relixións e crenzas populares. Publicado por primeira vez en 1818, tivo máis de seis edicións en francés, ata 1863, cada unha diferente á outra en contidos e extensión. A primeira edición en castelán foi a dos Irmáns Llorens de Barcelona en 1842.
No ano 2007 Félix escribiu un artigo sobre as edicións en castelán do Dicionario Infernal para a Revista Hibris de bibliofilia do amigo Pepe Grau. É unha obra moi interesante na que mergullarse.
Álvaro Cunqueiro, xunto con Joan Perucho, foi un fervoroso devoto desta obra, igual que anteriormente a eles foron Charles Nodier e Víctor Hugo.
Na comunicación, dende un enfoque ameno como fai habitualmente, tentou salientar paralelismos e influencias do Dicionario Infernal na obra de Cunqueiro, con non moito éxito, xa que semella que Cunqueiro só coñeceu a reedición da editorial Taber de 1968 feita polo seu amigo Joan Perucho.
Benvidos ao lado escuro das nosas investigacións
Para saber máis:
– Congreso “Mil e un cunqueiro” no Consello da Cultura Galega
http://www.consellodacultura.org/cunqueiro2011/?page_id=24
-Enlace directo para descargar as actas (moi recomendables)
http://www.consellodacultura.org/mediateca/extras/preactas_cunqueiro.pdf
Pingback: Edicións españolas do Dicionario Infernal de Collin de Plancy | Cástor e Félix Castro. Arquivo Castro Vicente. Música Rabeosa