Un día lin aquela reflexión do escritor Eduardo Galeano de que “los científicos dicen que estamos hechos de átomos, pero a mí un pajarito me contó que estamos hechos de historias“, e é rotundamente certo. Estamos feitos de historias, músicas e cantigas, e o noso corazón nútrese e necesita delas, tanto como o corpo de sustento.
O pasado sábado 18 de maio recibimos a triste nova do falecemento da Sra. Ermelinda Seguín Matías, de quen aprendimos tantas cancións e historias sobre a música limiá. Sobriña do Cego de Sás, a Sra. Ermelinda é un arquivo inmenso de romances de cego, parrafeos, adiviñas, cantos de fiadeiro, e cantos de ronda, a mor parte delas aprendidas de tanto cantar co seu marido Miguel ao son da roda, para faer máis levadeiro o seu oficio de muiñeiros. Era unha muller afable, nada rogada para cantar, sempre disposta para ir aló onde se lle requirise. Botarémola moitísimo de menos, pero a súa voz e a súa música mentres de nós dependa sempre estará presente, e desexámoslle que alá onde estean a Sra. Ermelinda e o Sr. Miguel, volvan xuntar as súas voces e cantigas.
En xuño de 2006 emitiuse na TVG un programa Alalá sobre a Sra. Ermelinda, que xa non está dispoñible en liña na páxina www.crtvg.es, polo que decidimos que este como outros programas nos que fomos asesores musicais, porémolos de libre acceso, xa que é unha boa homenaxe que lles podemos facer.
Gracias!
Ola:
Non se ve completo, anque xa vin que o puxerades no Youtube. Mil gracias polo coso traballo. Un saúdo. Antonio.
Gracias polos vosos comentarios. No meu computador o vídeo de Vimeo o reproduce íntegro, incluidos os créditos finais. En qué punto se che detén o vídeo?
Apertas grandes,
Cástor