De grimorios e outras herbas (I): O ciclo do Dragon Rouge – Grand Grimoire

Imos comezar esta sección cunha breve recensión bibliográfica a unha das nosas últimas adquisicións. Non é unha obra publicada na península ibérica, pero ten sido o celme, a pola de algún dos grimorios publicados aquí.


Portada da edición comentada do Dragon Rouge

“Le véritable dragon rouge, ou, L’art de commander les esprits célestes,
aëriens, terrestres et infernaux : avec le secret de faire parler les morts; de gagner toutes les fois
qu’on met aux loteries; de découvrir les trésors cachés; etc., etc. :
suivi de la poule noire, cabale qui était restée inconnue jusqu’ici”.
Autor suposto, Antonio Venetiana del Rabina e J. Karter. Data suposta 1521, posiblemente finais do s. XVIII polo editor Simon Blocquel de Lille (Francia).

Catorceavo, 149 páxinas. Portada e seis gravados fora de texto, gravados tamén dentro do propio texto.
O vendedor comentounos que era unha edición moi antiga xa que estaba realizada en parte con papel confeccionado a man, non producido industrialmente.

Aínda que non figuraba como información o editor Blocquel, na última páxina aparece a típica nota de “S. Blocquel, Imp. de Lille”, polo que consideramos que é Simon Blocquel o editor desta obra. Simon-Francioise Blocquel (1780-1863) foi un dos máis afamados impresores, reeditores, das obras clásicas de ocultismo do século dezanove, con diversos socios (entre eles o seu sogro Castiaux), labor continuada posteriormente pola viúva de Blocquel. As súas obras son consideradas clásicas nos grimorios de maxia, sendo moi buscadas, sobre todo as que teñen os gravados coloreados a man, e cotizadas a prezos moi altos polos coleccionistas.

Blocquel merecería unha entrada aparte e xa a faremos nun futuro; temos na nosa colección media ducia dos seus traballos e iremos describindo as súas características.

Este Dragon Rouge é esencialmente a mesma obra que o máis coñecido como Grand Grimoire, é dicir, son a mesma obra pero con diferente título. Despois de analizar bastantes obras chegamos a dita conclusión. Existe algo de confusión pola existencia de obras posteriores, de mediados finais do s. XIX, co título de Dragon Rouge, como por exemplo a de V. Goupy de París, “sur’la edition de 1521”, “sobre a edición de 1521”, é dicir, baseada na edición de 1521, que son notablemente distintos ao Dragon Rouge e Grand Grimoire orixinarios. Esta edición sen embargo pon como data suposta de edición 1521.

Edición practicamente idéntica ás clásicas do Grand Grimoire francés, ampliada cun capítulo de Segredos do Sr. Alexo Piamontés. Incluso pon como autores da obra Antonio Venitiana de la Rabina e a J. Karter, os autores citados nas edicións clásicas do Grand Grimoire.

A. E. Waite na súa coñecida obra “Book of Black Magic and Pacts, London, 1898, na que fai unha análise dos máis coñecidos grimorios da época, consideraba o ciclo do Grand Grimoire coma “one of the most atrocious of its class; it has a process in Necromancy which is possible, say some occult writers — in the geniality of a lucid interval — only to a dangerous maniac or an irreclaimable criminal. It must be admitted that the Rite is highly unreasonable, but in dealing with such literature it seems unsafe to advance the objection, for it applies much too widely.”

Capítulos desta obra.

1. Le Dragon Rouge
2. Centum regum
3. Le Sanctum Regum de la Clevicule
4. Grand appellation des esprits
5. Oraison
6. Le secret magique ou le grand art
7. Secrets de l’art magique
8. Miroir de salomon
9. Table des jours heureux et malheureux
10. Secret de la poule noire
11. Quelques secrets du seigneur Alexis Piemontais

Esta edición ten 20 páxinas máis que as edicións máis habituais en mercado, co engado do capítulo 11 de “secrets du signeur Alexis Piemontais”. Alexo Piamontés foi o suposto autor (en realidade Girolamo Ruscelli) dun popular libro de “Segredos do Reverendo de D. Alexo Piamontes”, obra de grande éxito con múltiples edicións en numerosos idiomas, latín, francés, italiano, español, dende mediados do s. XVI, con edicións durante o s. XVI, e XVII fundamentalmente.

O Grand Grimoire e o Dragon Rouge son coñecidos por introducir a figura do demo Lucifugo Rofocale, Primer Ministro do Inferno, encargado polo propio Lucifer do seu governo, e que en canto ao que nos interesa está encargado dos tesouros que existen, por tanto é un dos principais demos co que lidiar para conseguir os tesouros escondidos. Sería interesante analizar a iconografía deste personaxe e a súa evolución, o que non desbotamos realizar nun futuro.


Detalle dun gravado representando a Lucifugo Rofocale, compárese co que acompaña a portada na imaxe anterior.

Típica lista de potencias infernais coas firmas dos demos correspondentes, que se pode atopar tamén no Grand Grimoire. Unha delas é sospeitosamente moi semellante ao Sr. Wilson da película “O Naúfrago” de Tom Hanks.

Representación do Segredo da Galiña Negra, na encrucillada despois do sacrificio dunha galiña negra (no gravado coa cresta coloreada de vermello), aparición do demo con cornos e pezuñas, vestido con casaca militar, como mandan os cánones dos vellos grimorios, para facer o pacto. Este gravado tense reproducido posteriormente en moitos outros Dragon Rouge, tanto dos que se semellan ao Grand Grimoire coma os que non, incluso en traduccións de obras en castelán, entre elas a coñecida como “Secretos del Infierno”, prácticamente idéntica ao Grand Grimoire, da que existen edicións dende o s. XIX, pero a máis coñecida do barcelonés Rosendo Pons de inicios do s. XX; e na edición do Dragon Rouge de lugar e data supostas de edición de Venecia, 1905, reais Madrid – 1905, polo gran ocultista galego Enediel Shaiah. Non coñecemos polo de agora un gravado máis antigo que o desta edición do Dragon Rouge.

Arriba: Versión máis arcaica do círculo máxico da páxina 25, que se asemella ao que aparece no “Heptameron ou Elementos Máxicos de Cipriano, famoso máxico”, Venecia 1722 e reedición suposta de Bruselas de 1820.

Abaixo: Versión do círculo máxico da páxina 64, máis detallada, especificando a colocación do mago e o seus dous colaboradores, máis semellante á edición do Dragon Rouge de Víctor Goupy de París.

Advertisements

About Castor e Felix Castro

Músicos e investigadores en patrimonio musical e etnográfico galego
Esta entrada foi publicada en Libros do demo. Ligazón permanente.

Agradecemos os vosos comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s