De Grimorios e outras herbas

Imos comezar aquí unha nova sección dos Libros do Demo, comentando libros de maxia e grimorios curiosos que van engrosando, sen presa pero sen pausa, a nosa colección de libros de ocultismo que xa vai por enriba dos douscentos. Algúns de vós xa saberedes que a raíz das miñas investigacións do ciprianillo mergulleime no ocultismo ibérico finisecular para comparar os máis coñecidos grimorios europeos con este exemplar ibérico, con resultados moi interesantes, tema sobre o que xa teño feito exposicións, conferencias, publicado case unha ducia de artigos, sobre todo na revista Hibris de bibliofilia do amigo Pepe Grau, que esperamos que volva a encabezar iniciativas culturais como aquela. Unha parte importante da colección é o eido dos grimorios e libros de maxia, que como malas herbas xorden por aquí e acolá na horta do Señor a pesares de que durante moitos anos a Inquisición empeñouse en acernalos.

Este empeño aínda durou ata ben poucos anos, ata a o fin da Ditadura de Franco. Pero incluso hoxe en día cando un afirma nun foro que se dedica a investigar ese tipo de bibliografía un certo sorriso cínico ou irónico xurde na faciana de máis dun dos ouvintes, coma se ninguén puidese crer que un puro interese bibliográfico ou intelectual puidese animar unha investigación dese tipo. En Europa levan anos investigando dende a Historia, a Biblioteconomía, a Química, a Socioloxía, e outras ciencias estes libros, existindo numerosos expertos no tema, sen embargo a bibliografía ocultista ibérica apenas ten sido explorada, coa desgracia de que moitos datos xa se perderon coa hecatombe que supuxo tanto na memoria como na cultura a Guerra Incivil e a Ditadura xurdida posteriormente.

A bibliofilia é unha filia coma outra calquera: Aos seus sufridores suscítalles un enorme pracer atopar este ou aquel libro rarísimo e case descoñecido ata para os máis avezados expertos; nunca suficientemente satisfeita, cando un pensa que xa foi de abondo sempre xurde outra meta que alcanzar; cos seus sinsabores, como cando un perdeu a oportunidade de comprar unha determinada obra, por non velo a tempo, haber outro máis rápido ca ti, ou peor aínda cando decide non mercala e anos despois decátase de que moi posiblemente nunca se lle ofreza na súa vida de bibliófilo unha oportunidade como aquela. E tamén coas súas autoxustificacións, que se é pola cultura, para que conservar ese legado e que non se perda … Algúns, non se sabe se para penar os seus remorsos e sentimentos de culpa, convértense en bibliofilógrafos -termo acuñado se mal non lembramos polo grande bibliófilo Francisco Mendoza Díaz-Maroto- e escriben libros e artigos sobre os amados anacos de papel que habitan a súa colección.

Isto é sen dúbida un gran acerto por canto dálle unha certa utilidade e función pública a dita actividade, publicando datos de obras que doutra forma pasarían en moitos dos casos a formar parte dunha biblioteca anónima e nunca verían a luz do sol fora das súas catro paredes, como ocorre no caso dalgúns bibliófilos, bibliómanos e bibliópatas, que disfrutan esas obras “só para os seus ollos”, parafraseando unha das lendarias películas de 007. Pero a bibliofilografía tamén é ambivalente, ten a súa parte de patoloxía, ten algo de exhibicionismo das obras que un conseguiu e outros non; pero tamén de fobias, fobia a perdelas e deixar por elo constancia da pertenza de dita obra á prezada colección, medo a que valga de pista para a competencia bibliófila de obras raras, curiosas, ou case descoñecidas, e de axuda aos bucaneros dos barcos de papel; por iso os redactores destes traballos normalmente contan o que xa atesouran na súa biblioteca, non o que buscan e é obxecto actual dos seus desvelos.

Que disfrutedes esta nova sección.

Detalle do círculo máxico, incluido no Dragon Rouge, ed. de Victor Goupí, París, mediados-finais s. XIX

Advertisements

About Castor e Felix Castro

Músicos e investigadores en patrimonio musical e etnográfico galego
Esta entrada foi publicada en Libros do demo. Ligazón permanente.

Agradecemos os vosos comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s