Este ano os Peliqueiros e Cigarróns do Val do Támega estarán de loito no entroido.
O pasado día 8 de xaneiro foísenos Francisco Añel, coñecido por todos como Paco “o Xastre”, persoaxe fundamental do entroido da Comarca de Verín, e pódese dicir do entroido galego e da península ibérica.
Natural de Castro de Laza (1932), aprendeu do seu pai e avó o oficio de xastre, e do seu avó José a confección do traxe de peliqueiro “porque o seu pai non tiña paciencia para ensiñarlle”.
Emigrado en Barcelona ben novo, onde exerceu de xastre de categoría con grande éxito, voltou nos anos 80 a Castro de Laza coa teima de recuperar o traxe de peliqueiro.
Montou o seu taller en Castro, saíndo da súa mao durante trinta anos unha morea de traxes de peliqueiros e cigarróns que inzaron con orgullo o entroido da comarca.
Os seus traxes están presentes en moitos lugares de España, do estranxeiro, como en Estados Unidos e ata no Museo do Entroido de Osaka – Xapón, como el comentaba.
Grande coñecedor do proceso, confeccionaba todo o necesario, dende as máscaras (de amieiro), a chaqueta cos galóns mediante un proceso inventado por el, ata os pantalóns, das lás e dos pondóns encargábase a súa muller Encarnación (e outras mulleres do pobo, como Generosa); salvo as chocas que as encargaba fora por ser moi traballosas de facer.
Serio e riguroso co seu traballo, amante da ortodoxia tanto no traxe como no comportamento e sentimento con que debe levarse o peliqueiro, das súas maos saían traxes perfectos e cun grande sentido estético; a el se debe a elegancia e prestancia actual do traxe e máscara de peliqueiro (que nin é careta nin é disfraz), convertendo aínda máis ao Peliqueiro en símbolo do Entroido con maiusculas.
Persoa pacente, boa e xenerosa, ensinou tamén a facelos a canta persoa se achegou a el con interés de aprender, confeccionando peliqueiros ata fai ben poucos anos, e ensinando ata o ano 2011, deixando a varias persoas continuadoras do seu traballo en toda a comarca.
Paco, sempre estarás na nosa memoria e nos nosos corazóns, e as chocas sonarán por el e polos peliqueiros que xa non están, este ano e nos vindeiros.
(Nota biográfica publicada nos diarios La Región, Faro de Vigo e El País Dixital, 1/2013)
Pingback: Semblanza sobre Francisco Añel, Paco o Xastre. 20.15 h Xoves 20-II-2014 | Cástor e Félix Castro. Arquivo Castro Vicente. Música Rabeosa