As gaitas do Museo da Cornamusa. Documentación

 

Estas últimas semanas saíron publicadas dúas noticias relacionadas coa situación dos museos de Galicia: unha a da compra pola Deputación de Lugo da colección de Álvaro Gil (incluído o famoso Torques de Burela) despois de anos de disputas xudiciais respecto da titularidade da mesma; a outra a disolución da “Fundación Xosé Lois Foxo – Real Banda de Gaitas” despois da polémica suscitada trala súa creación.

Publicabamos tamén nunha entrada anterior (3 de Xuño) a Carta ao Director remitida a El Faro de Vigo, La Voz de Galicia, e La Región na que expuñamos a necesidade de inventariar e regularizar a situación dos fondos do Museo da Cornamusa así como da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense.

Todo isto viña en relación co intento de constitución da “Fundación Xosé Lois Foxo-Real Banda de Gaitas”, onde para cumprir co mínimo de 30.000 € do capital fundacional que esixe o art. 13 da Lei 12/2006 de Fundación de interese galego, o Sr. Foxo aportou cinco gaitas, que figuraban expostas no Museo da Cornamusa dende fai polo menos vinte e tres anos.

Esas gaitas que pasamos a presentar aparecen ademais en diversas publicacións da Deputación de Ourense, entre outras no Catálogo do Museo de Cornamusas (2003) e no Anuario da Gaita nº. 6 (1991) publicados pola Deputación.

1.- Gaita tallada de buxo de Seivane, ano 1970, con ronco, ronqueta e chillón. Non aparece descrita no libro do Museo, pero aparecen pezas dela na páxinas 11 e 13 do libro do Museo.

2.- Gaita “común”, en Do, de buxo e anelada en metal, de Vicente Pereiras, ano 1900. Páxina 18 do libro do Museo, e figura xa inventariada como gaita do Museo no Anuario da Gaita nº. 6.

3.- Gaita “común” de Faustino Santalices, pau rosa e anelada en marfil, Do. 1920. Páxina 18 do libro do Museo e nova de prensa de La Región de 27 de marzo de 1995.

4.- Gaita de galleto, construtor Domingo Balboa, Do, de teixo e anelado en metal, 1940. Páxina 19 do libro do Museo.

5-. Gaita “común” galega, con fol de pel sen funda, de buxo anelada en asta. En Re. Pertencente ao grupo“Palla mallada” de Leiro Ribadumia (Pontevedra), Páxina 19 do libro do Museo;  figura xa como gaita do Museo no citado Anuario da Gaita nº. 6.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Arriba á dereita, gaita nº. 2, de Vicente Pereiras; debaixo dela, gaita nº. 5 de “Pallamallada”.

Arriba gaita nº. 2 de Vicente Pereiras; debaixo, gaita nº. 3, de Faustino Santalices.

 

Arriba á dereita, gaita nº. 4, de galleto. Abaixo á esquerda, gaita nº. 5, “Pallamallada”.

 Pezas da gaita tallada de Seivane (nº. 1).

Máis chamativo é o caso da gaita de Faustino Santalices (nº. 3), que na nova de prensa publicada o 27 de Marzo de 1995 por La Región que acompañamos, dise expresamente que “O pasado día 8 de Marzo o museo recibiu un exemplar de gaita de principios de século obra do mestre artesán de Bande, Faustino Santalices, doada pola familia Charro Salgado”, polo que aparece claramente como de titularidade da Deputación.

 

A isto hai que engadir as declaracións de Xosé Luis Foxo aos medios, como en La Voz de Galicia 6 de abril de 2014, argumentando que a Real Banda de Gaitas non ten nada que ver ca Deputación; iso si, a pesares de que todo o seu instrumental, traxes, local de ensaio, gastos, gravacións en vídeo e cd, viaxes e demais, veñen sendo sufragados pola entidade provincial xenerosamente dende fai máis de vinte anos.

Vemos por todas estas razóns como imprescindible, que ante esta evidente situación de continua confusión patrimonial entre o Sr. Foxo como persoa individual e a Escola de Gaitas, que a Deputación clarifique e investigue a titularidade dos instrumentos, partituras, gravacións e materiais que foi recibindo a Escola de Gaitas provincial e o Museo da Cornamusa durante todos estes anos, mediante o oportuno Inventario e control dos mesmos.

 

Advertisements

About Castor e Felix Castro

Músicos e investigadores en patrimonio musical e etnográfico galego
Esta entrada foi publicada en Música tradicional. Ligazón permanente.

Agradecemos os vosos comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s