Relatorio e vídeo “Faustino Santalices Muñiz. Doutor en medicina e cirurxía, Afiador”.

(Notas para o relatorio que foi presentado o 13-X-2014 pasado, no Salón de Graos da Facultade de Ciencias da Educación, Uvigo, Campus de Ourense, V Congreso Etnográfico)

Faustino Santalices Muñiz (nado en Ourense 1923, finado en Pontevedra 2010) é e foi fillo do famoso artesán, gaiteiro e zanfonista Faustino Santalices Pérez, recuperador da gaita e da zanfoña, ourensán.

Faustino Santalices Muñiz cursou estudos de Medicina e obtivo o doutorado en Medicina e Cirurxía pola Universidade Complutense de Madrid. A súa vida profesional foi a de médico e cirurxián, especializado en oftalmoloxía.

Dende moi pequeno acompañou a seu pai en concertos, traballos de construción de instrumentos e como tal temos que destacalo como o verdadeiro conservador do legado do seu pai (arquivo, documentación, maquinaria, ferramentas, gaitas e zanfoñas).

        Faustino pai (gaita) e fillo (tambor) nunha festa da Peña Gallega de Madrid. Mediados dos anos 50

En 1947 Faustino Santalices pai xubílase e trasládase a Madrid como Secretario do Instituto Oftálmico Nacional, e coloca no soto do edificio na rúa General Goded, nº. 17 o seu taller de construción de gaitas.

Tanto o pai como o fillo foron persoas dunha inmensa capacidade técnica e científica; Faustino Santalices Muñiz, Faustino fillo, solucionou no seu tempo o problema do afiado do instrumental cirúrxico oftalmolóxico en España.


        Revista “Reflejos”, Madrid. S.d. Finais anos 50

A finais dos anos 40 falece D. Carlos Coronado, técnico na fabricación, afiado e bruñido de material cirúrxico, persoa formada en Londres, Berlín e París, e a única persoa que afiaba o instrumental oftalmolóxico para todos os hospitais en España, que llo remitían a través da Cooperación Médica Española S.A. .

Véndose no trance de ter que suspender as operacións por carecer de instrumental, e sabendo das habilidades de Faustino Santalices, no Instituto Oftálmico solicitáronlle que afiase o instrumental no taller que tiña nos baixos do Instituto.

Despois de moitos intentos, Faustino fillo conseguiu afialos, e dende entón foi durante moitos anos o único que afiou instrumental de cirurxía oftálmica tanto para toda España como parte de Europa, ata o punto de que a súa tese de doutoramento (1956) foi Análise metalográfica dos aceiros aplicados á cirurxía ocular.


Tese que ao principio non lle fora aceptada, porque consideraban na facultade que era un tema máis de inxeñería que médico.

(Por facernos unha idea, no ano 50 o coste de afiar dúas agullas en Alemaña era de 149 pt mentres que polo Dr. Santalices era de 15 pt., co conseguinte aforro para a Cooperación médica.)

Tales logros valéronlle a obtención da Beca Castroviejo ca que viaxou a Estados Unidos, onde pretenderon copiar mediante máquinas o movemento das súas mans durante o proceso de afiado, ao que o Dr. Santalices negouse.

El considerábase a si mesmo un continuador da tradición dos afiadores, e sempre explica o seu óptimo afiado dicindo que nacera en Ourense, terra de afiadores, e que elevara a categoría científica a arte de afiar.

Este foi o inicio dunha meritoria traxectoria profesional de Faustino Santalices Muñiz, que patentou numerosos inventos que supuxeron importantes avances na cirurxía ocular, orientados sempre a superar as dificultades que atopaba no instrumental para realizar as intervencións, e sempre inspirados nunha grande capacidade de observación:

“Unha nova forma de afiar a agulla corneal” (1956)


-“Variacións dos ángulos de filo nos instrumentos de cirurxía ocular” (1964)


-“Un novo modelo de cánula para o lavado da cámara anterior” (1959),

-A construción dun novo modelo de pinza sen dentes para o iris na operación da catarata (1962), que el chamaba “pinza de pico de paxaro”, e que deseñou observando o procedemento polo que os canarios comen o alpiste

O perfeccionamento da ventosa para a extracción da catarata (1953?), que deseñou a partir das ventosas do pulpo.



A importancia e o propio valor que Faustino Santalices fillo deu ao seu traballo de Afiador, fixo que a súa familia reflexara ao seu pasamento na súa esquela con todo orgullo, “Don Faustino Santalices Muñiz. Doctor en Medicina y Cirugía, Oftalmólogo y Afilador”.

Imos escoitar a continuación da voz do propio Faustino Santalices Muñiz -qué mellor maneira de facerlle unha homenaxe neste congreso dedicado á ciencia do afiado-, as súas explicacións de cómo chegou a ser Afiador:

Nota: As Imaxes do vídeo proveñen de gravacións propias, así como dous minutos (3:56-5:02) tomados do programa Alalá nº. 64 da TVG (12-II-2008) dedicado a Faustino Santalices.

Advertisements

About Castor e Felix Castro

Músicos e investigadores en patrimonio musical e etnográfico galego
Esta entrada foi publicada en Faustino Santalices, Música tradicional. Ligazón permanente.

One Response to Relatorio e vídeo “Faustino Santalices Muñiz. Doutor en medicina e cirurxía, Afiador”.

  1. Pingback: Actas do V Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego | Arquivo Castro Vicente. Cástor e Félix Castro

Agradecemos os vosos comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s