Onte desfrutamos moito tocando na homenaxe a Juan Ferreiro nas Festas do San Brais de Laroá.
Ao final tocamos vintedous temas do seu repertorio, case dúas horas de música. Os sentimentos que nos transmitiu a xente, bailando sen parar dende o inicio da festa, a emoción dos fillos do Sr. Juan e dos seus conveciños, lembrando toda aquela música, é difícil de explicar. Comentaba un seu sobriño, que antes aquelas melodías do Sr. Juan era a música que tiñan en todos os fiadeiros, todos os bailes, que semana tras semana facían no tempo de lecer que tiveran.
Sempre nos lembramos dos gaiteiros de quen aprendimos, que tocan cun ritmo máis pausado, pensado para que a xente baile, e é precioso cando compartes e esa comunicación e comunión se produce.
O Sr. Juan tiña un amplo repertorio formado non só polos xéneros máis tradicionais na música galega (muiñeiras, ghotas…), tamén moitos temas agarrados como mazurcas, pasodobles, medios pasos, boleros, e outros ritmos de moda.
Un tema que sempre nos gustou da súa interpretación é o bolero “Amado mío”. De feito mesmo chegámolo a tocar no concurso de Cuartetos de Santiago de Compostela do ano 2002, o que nos supuxo perder o primeiro posto, xa que era un tema de moda, coñecido, mesmo popularizado por Rita Hayworth na película “Gilda” (USA, 1945), e non aquelaba ben nun concurso de cuartetos tradicionais.
Pero como dicíamos onte, quen o compuxo ben podía ser gaiteiro, porque tamizado e adaptado pola cachimonia do sr. Juan, de certo parece que fora unha peza de gaita das de toda a vida. “Amado mío” na voz de Rita fala inglés, pero na interpretación do Sr. Juan, fala galego.
5 días de festa!!!!
Pingback: Adiviña musical (y II) Ellos las prefieren gordas! | Arquivo Castro Vicente. Cástor e Félix Castro