Programa Alalá TVG especial sobre o Entroido. Sábado 14-II-2015 22.30 h

Malia que a meirande parte de vós andaredes entroidando, non vos perdades
 

 

ESPECIAL ALALÁ “ENTROIDO EN GALICIA” – Este sábado 14 de febreiro, ás 22.30 h.

Alalá presenta este sábado un programa especial de 90 minutos sobre o Entroido en Galicia. Unha viaxe espectacular polo entroido rural galego. Asistimos á primeira Mascarada Ibérica, en Vilariño de Conso e Viana do Bolo, con presenza de folións ou fulións de Viana, Vilariño, Manzaneda, Chantada, O Bolo, Maceda, Portugal, León, Asturias… queremos profundar no significado máis auténtico do Entroido rural galego. Que é o entroido? De onde vén? Que ten de especial o entroido en Galicia?

Segundo fomos traballando neste programa, descubrimos o pouco que en realidade sabiamos do entroido. Esperamos que moitos dos nosos espectadores vexan a inmensa riqueza do entroido rural galego con este Alalá. Xunto ás grabaciones realizadas na mascarada de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, utilizamos material de arquivo de Televisión de Galicia e do propio programa Alalá.

Visitaremos Verín, Oimbra, Xinzo, Maceda, Laza e Catro de Laza, Vilariño de Conso, Viana do Bolo, Manzaneda, Ourense, Pontevedra, As Eiroás, Cobres, O Ulla, Sarreaus, Covelo, Salcedo, Hío, Aldán e moitos outros lugares con celebracións do entroido que nos resultarán sorprendentes e axudarannos a entendelo mellor.

Contamos tamén coa colaboración neste programa de: Federico Cocho, autor dun dos libros que mellor explican ou entroido, “O Carnaval en Galicia”; Rafael Quintía, Miguel Losada e Xose Anxo Rosales, da Sociedade Antropolóxica Galega; Pablo Carpintero e Félix Castro, investigadores musicais; Lois Pardo, activista cultural de Ourense que impulsou a creación do entroido da pita; Antonio Reigosa, escritor que colabora con numerosos traballos de divulgación relacionados coa historia, a arte, a etnografía, a mitoloxía popular e a literatura oral; e moitos informantes de Vilariño e Viana. Lembraremos tamén as participacións en Alalá dalgúns ilustres do entroido en diferentes partes de Galicia, como Paco de Escornabois ou Paco “O Xastre”, de Castro de Laza ou o incombustible José o Ghaitas, o Gaiteiro do Piñeiro, protagonista do entroido de Aldán.

A banda sonora orixinal dos entroidos rurais galegos sempre foron as chocas, os axóuxeres, os tambores, os aparellos de labranza; noutros lugares, o gaiteiro era o rei.
En moitos casos, non hai máis recurso para facer música que os propios instrumentos de traballo de aí que en moitos folións os sachos, as gadañas e as aixadas acompañan aos grandes bombos, normalmente de fabricación caseira. E xuntos cos aveños de labranza, atopamos cornas, a versión metálica do que no seu tempo deberon ser verdadeiros cornos de animais.
E tamén ao son das tamborradas de Viana e Vilariño discorrerá este especial Alalá sobre o entroido rural galego. Un programa que recomendamos aos nosos espectadores e a todos aqueles interesados na cultura de Galicia, onde o entroido é unha das súas principais expresións.
Este sábado, ás 22.30 h. da noite, en Televisión de Galicia. Alalá “Entroido en Galicia”.

Agradecemos os vosos comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s