Artigo “O máxico San Cipriano” I no anuario Fol de Veneno 2015 SAGA

fol de veneno capa-fdv-5

Os amigos da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), que tanto e tan ben veñen traballando na cultura deste país, veñen de publicar o último número do seu anuario Fol de Veneno (nº. 5) do 2015 no que saiu unha primeira parte do noso artigo sobre o Máxico San Cipriano e os Libros de San Cipriano. Xunto cos excelentes artigos de antropoloxía de José Luis Cardero López sobre as Compañas, huestes e pobos da noite, muiños de auga no Macizo Central Ourensán de Daniel Blanco Rivero, de Miguel Losada sobre a oralidade galega arredor do Rei dos Tesouros, amuletos italianos de Alessandro Norsa e Francesca Sordina, e de arqueoloxía sobre a estatuaria da Idade de Bronce no Noroeste ibérico de Yago Terroba Souto, a pedrafita menhir de San Cosme de Mántaras de Ramón Boga Moscoso e Ángel G. Martínez Seoane, entre moitos outros, fanna unha publicación de referencia e mais que recomendable no seu ámbito.
Dende que empezaramos fai quince anos as nosas investigacións sobre o Libro de San Cipriano, o famoso grimorio ou libro de maxia tan popular en Galiza para a busca de tesouros, os camiños seguidos na súa pescuda coas súas bifurcacións e ramificacións, teñen sido moitos e moi variados. Nesta serie de dous artigos percorreremos algúns destes camiños, un deles o da Oración de San Cipriano que nas súas diversas formas pertence ao acervo cultural común europeo e de todo o mundo cristián xa que tamén aparecen en Oriente Medio e en partes de África coma Etiopía, alá onde se espallou nas súas orixes o cristianismo, e en referencia á península ibérica dicir que cada vez temos maior convencemento de que foi un elemento importante na configuración dos nosos “ciprianillos”. Incluiremos tamén unha actualización da nosa clasificación tipolóxica que fixemos por primeira vez no ano 2005 e que ten sido heurísticamente tan produtiva para que se entenda de qué libros estamos a tratar ao falar das diversas oracións.
Na segunda parte do artigo, que se publicará no seguinte número, trataremos outras liñas de investigación, os procesos inquisitoriais contra a Oración de San Cipriano e o Libro de San Cipriano, que teñen gran importancia á hora de datación e difusión destas prácticas máxicas pola xeografía ibérica; tamén outras obras máxicas atribuidas a San Cipriano no contexto cultural europeo dende antigo, o que non implica que fosen as mesmas que chegaron ata nós en Iberia en formato impreso atribuidas a este santo.

Esta primeira parte por tanto fai un resumo da biografía do santo, unha análise de oracións de San Cipriano publicadas na península ibérica dende o s. XVII ata o día de hoxe, que circularon moitas delas no formato de pregos de cordel, e foron prohibidas pola Inquisición, tamén as oracións incluídas en grimorios coma o propio Libro de San Cipriano ou no Enchiridión do Papa León, cun primeiro intento de clasificación tipolóxica das diferentes oracións en linguas románicas coma o castelán, francés e portugués, que aparecen en versións longas e curtas igual que as oracións publicadas en países tan afastados de nós como Grecia, ou Etiopía, pertencentes á pola ortodoxa do cristianismo; unha actualización da nosa clasificación tipolóxica do Libro de San Cipriano, con inclusión de obras tan estrañas e escasas coma o Cipriano el Temeroso, que vincula directamente algunhas versións co ciclo salomónico a través da Veritable Magie Noire. Clasificación que non é definitiva, porque sempre están aparecendo novas obras e datos, coma por exemplo unha edición portuguesa do ano 1881 que adquirimos recentemente para a nosa colección que non está nin sequera na Biblioteca Nacional Portuguesa. Todo elo fornecido coa información máis precisa de datación de obras e derivacións das mesmas.

Advertisements

About Castor e Felix Castro

Músicos e investigadores en patrimonio musical e etnográfico galego
Esta entrada foi publicada en Libros do demo. Ligazón permanente.

Agradecemos os vosos comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s