De Grimorios e outras herbas (IV): O ciclo do Pequeno e Gran Alberte

pequeno alberte 1

Portada do Pequeno Alberte en castelán, s. XIX

Imos comezar esta nova tempada falando un ciclo de grimorios moi popular dende o século XVII en Europa, sobre todo en Francia, do que se teñen feito moitas edicións nos últimos catro séculos. Son os grimorios coñecidos como o Gran Alberte e o Pequeno Alberte. Inicialmente houbo edicións en latín do Gran Alberte, pero axiña se publicaron traducións a linguas romances coma o francés (as más coñecidas as edicións a cargo dos Irmáns Beringos de Lyon). En castelán coñecemos edicións dende o século  XIX. Estes grimorios son  atribuídos a San Alberte Magno (Bispo de Ratisbona, santo de finais do século XIII e paradigma da sabedoría na súa época, ao que se lle atribuía, entre outras marabillas máxicas, o feito de ter unha cabeza metálica parlante).

O coñecido coma Los Admirables Secretos de Alberto el Grande (coñecido popularmente como O Gran Alberte) é basicamente un tratado de Maxia Natural –en castelán entre outras está a edición de Alejandro Martínez, Barcelona, 1889 e de Rosendo Pons e da Editorial Maucci de inicios do s. XX, tamén de Barcelona–.

Outra obra que se lle atribúe a San Alberto Magno é Secretos Maravillosos de la Magia Natural y Cabalística del Pequeño Alberto (coñecido como O Pequeno Alberte), grimorio moi popular entre os bruxos franceses con receitas de maxia branca e negra. Nesta obra aparece entre outras fórmulas, algunhas para atopar tesouros escondidos e tamén para facer a famosa “mao de gloria”, mao dun aforcado que sostén unha vela feita de unto humano, que adormece aos habitantes das casas para poder roubar nelas.

pequeno alberte 2

Aquí presentamos a máis rara das edicións en castelán que coñecemos, que adquirimos recentemente, titulada Secretos maravillosos de la Magia Natural y Cabalística del Pequeño Alberto, con figuras misteriosas y el modo de hacerlas. Traducidos del francés. En octavo, 94 páxinas e sete láminas. Paris, Renault, Libraire Éditeur, 1842. En cartoné, descoñecido para Palau.

Non temos claro se a cita do lugar e data de publicación é certa ou ficticia para encubrir ao verdadeiro editor. É dicir, se B. Renault fixo traducións das obras esotéricas que publicou ao castelán ou non. De ser así, sería un dato importante xa que B. Renault publicou unha das edicións máis famosas do Grand Grimoire, de 1845, un dos grimorios europeos por excelencia, do que xa falamos noutra entrada anterior, e podería indicar unha vía para a introdución desa obra en España e a existencia dun mercado directo destas obras en castelán na península ibérica, seguramente moi reducido ou case clandestino. Temos que ter en conta a forte censura civil e eclesiástica da literatura esotérica e ocultista en España durante séculos que durou practicamente todo o século dezanove, que fai estas obras excepcionalmente escasas, sobre todo das que teñan tinguidos de maxia negra.

Por outra banda, dicir que a popularidade en Francia do Pequeno Alberte foi excepcional, semellante á do noso Ciprianillo, chegando incluso ás zonas francófonas de América, sobre todo ao Quebec. O Pequeno Alberte ten un certo paralelismo co noso grimorio ibérico xa que é un cúmulo de receitas de toda índole, tamén para a saúde, o que revela a súa antigüidade.

Dicir finalmente que algúns etnógrafos teñen afirmado moi á lixeira que o noso ciprianillo deriva do Pequeno Alberte (incluso afirmando que hai un libro longo e curto, ou un libro branco e outro negro de San Cipriano, á semellanza do Pequeno e o Gran Alberte), pero o certo é que son obras bastante diferentes, e os ciprianillos ibéricos nin derivan directamente del nin se inspiran no mesmo, o que non obsta para que podan coincidir algunha das súas receitas máxicas como ocorre con outros grimorios europeos (investigación que por agora non temos levado a cabo).

Advertisements

About Castor e Felix Castro

Músicos e investigadores en patrimonio musical e etnográfico galego
Esta entrada foi publicada en Música tradicional. Ligazón permanente.

Agradecemos os vosos comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s