Fontes da figura do Peliqueiro (I)

1.- A HISTORIA DUN LINCE

Como xa se achega o tempo do antroido, imos comezar unha serie de artigos amosando algúns resultados da nosa investigación en curso sobre a orixe e evolución de figura do peliqueiro no referente á vestimenta, deseño e outros aspectos.

A orixe de esta investigación comezou cando un bo amigo noso, Santiago Conde Fernández, falando coma moitas outras veces sobre o entroido, comentoume que el tiña na casa dos seus pais unha máscara de peliqueiro que mercara o seu pai a principio dos anos 60. A máscara, na que destaca o seu nariz prominente, amosa na feitura a súa antigüidade, allea ao proceso de estandarización que ten ocorrido nos últimos trinta anos.

Cando ma ensinou, a figura do lince impoñente da mitra chamoume a atención. O seu estado de conservación era bastante bo tendo en conta que tiña máis de cincuenta anos, salvo que lle faltaba a barba da careta. Santiago contoume que o seu pai, persoa moi interesada na etnografía galega, particularmente no entroido, e vinculado familiarmente a Verín, conseguíraa cando traballaba nun banco en Verín a principio dos anos sesenta a través de outro traballador da entidade que lla encargara e mercara en Laza.

Preguntando sobre a careta a Manuel Quintas “Dopa”, amigo común de Santiago Conde e noso, e testamenteiro dende fai moitos anos en Laza, deunos máis datos sobre a mesma, desvelando o significado das iniciais da firma do debuxo da máscara.

Transcribimos a continuación o seus comentarios polo seu interese:A de Alfonso (o meu pai) L de Lolo (Lolo da Gina) Non hai a máis mínima dubida. A cara da careta fíxoa o Jarabasio, por aquel entonces era o que mellor as facía, por non dicir o único, despois a montaxe, lata, cerrón, sombreiro, etc. foi cousa do meu pai, que tamén colaborou no debuxo, aínda que iso foi cousa do Lolo, que para min foi o que mellor interpretou a presenza do elemento na pantalla. Eu pintei moitisimas caretas, de peliqueiros sei algo e teño claro que non é a perfección do debuxo o que prima senón o plasmado e sobre todo que destaque. Non quere dicir que un bo pintor deixe ben unha careta, pode deixar perfecto o debuxo si, pero hai cousas máis importantes.”

Estes acertados comentarios poñen de manifesto algo que se ten apreciado nos últimos tempos, en que se ten visto unha clara evolución cara á estandarización e a certa calidade artística na figura e estética do peliqueiro, igual que ten ocorrido noutras máscaras do entroido, menoscabando posiblemente outros aspectos que orixinariamente serían igualmente importantes, tales como a capacidade de impresionar aos espectadores que presenciaban a representación ritual do entroido que levaban a cabo estas figuras.

Coñecedores por outros traballos de investigadores da comarca, como Nieves Amado Rolán entre outros, que a xente que pintaba as caretas se inspiraba e tomaban como modelos imaxes das máis variadas procedencias, moitas veces de revistas, etc. atopamos o modelo que serviu de base para o debuxo do lince e seguramente a outras moitas caretas da mesma época.

O modelo resultou ser un lince aparecido nunha caixa de mistos de FOSFORERA ESPAÑOLA S.A. (fosforera ubicada en Aragón en funcionamento ata principios dos 90) con debuxo ilustrado por Ernesto Cerra. O lince da máscara ten sen embargo un aquel máis fero e impresionante que o propio da ilustración de Cerra, tal como lle corresponde a unha máscara de peliqueiro.

As caixas de mistos de FOSFORERA ESPAÑOLA S.A. estiveron ilustradas durante anos 60 e 70 por animais da máis variada índole debuxados por este coñecido ilustrador; sendo famosas as súas series de animais salvaxes, cans, peixes, aves, animais prehistóricos, flores, etc. Estas series de fauna mariña, fluvial, salvaxe, prehistórica, fauna española en perigo, caza menor, flores de xardín, bolboretas, traxes e bailes de España, traxes de América, etc. seguen sendo moi buscadas por coleccionistas. 

Evidentemente non todas estas ilustracións serían válidas para ocupar a mitra dun peliqueiro, polo que as que se empregaron serían fundamentalmente as de animais salvaxes, aves e cans.

Adquirimos recentemente un lote de 260 caixas de mistos para poder seguir indagando e atopando modelos doutras caretas de peliqueiro coetáneas a esta. Se alguén quere que busquemos un modelo particular pode contactar con nós ao respecto.  

Volvendo ao lince da máscara, este mesmo modelo foi empregado igualmente noutras máscaras de peliqueiro presentes no entroido de Laza nos anos 60 que temos visto en fotografías da época, manténdose en ambas a cor gris do animal e engadíndoselle unha parte de lombo co pelaxe para ocupar máis a mitra.

Sen embargo esta cor gris non é a propia do lince ibérico (parduzca), que é o que parece que se quere representar na caixa de mistos (pola descrición en que se lle da o nome científico de linx pardelus –realmente lynx pardellus- e se fala da súa distribución na península ibérica). En realidade a cor gris correspondería máis ben a algúns exemplares do lince boreal (lynx lynx), especie de lince europea de maior tamaño, que chega a pesar incluso 30 quilos e acercarse ao porte dun mastín como se describe no texto da caixa de mistos.

Este modelo do deseño de Cerra foi o que empregamos tamén para pintar a nosa careta recentemente, tentando ser máis fieis ao orixinal e dándolle unha cor máis alaranxada, que correspondería máis a un lince dos que habitaron Galicia noutro tempo.

Agradecemos os vosos comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s