Antes de TOR, N´alcordanza

Estas semanas estivemos a rebuscar gravacións nosas folk ou tradicionais, para poñer banda sonora a varias colaboracións que tiñamos pendentes.

Entre diversos discos atopamos un cd gravado en directo dun concerto que fixemos xunto con Igor Medio e Ruma Barbero aló polo ano 99 no pub Miudiño de Ourense.

Como moitos/as de vós sabedes, os nosos comezos musicais foron como cofundadores do grupo folk asturiano Felpeyu, xunto con Ruma Barbero e Igor Medio, con quen tocamos dende o 90 ata o ano 93. As nosas vivencias durante aqueles anos deixaron unha forte impronta tanto persoal como musical no noso xeito de entender a música. A nosa amizade, relación e cariño por eles continuou e continúa. En xuño de 2006 Igor Medio deixounos pero o seu legado musical e artístico continúa vivo, e en Asturies promóvense concertos e actividades no mes de Xuño n´alcordanza, en lembranza, de Igor Medio e Carlos Redondo; creouse tamén a páxina www.igormedio.com para difundir a súa obra que podedes visitar.

Aquel concerto foi organizado con motivo dunhas xornadas de ilustración e cómic en Ourense, ás que asistiron Ruma Barbero e Igor Medio. Estas xornadas é posible que se fixeran na Casa da Xuventude (quizais algún amigo/a seguidor/a do noso blog poda darnos máis pistas, ou incluso rescatar un cartaz do evento).

Preparamos quince temas astur-galegos, tomando melodías de Felpeyu, Llan de Cubel, e tamén arranxos sobre repertorio galego propios nosos.

Facía máis de dez anos que non escoitabamos o cd, e a verdade é que gustounos moito atopar interpretacións potentes de temas nosos aínda a día de hoxe inéditos.

A instrumentación que fixeramos fora Igor Medio, violín, bouzouki, voz; Ruma Barbero, Bodhran; Félix Castro: Concertina, acordeón diatónico e gaita galega; Cástor Castro: Frauta de madeira e bouzouki.

Iremos limpando e compartindo algunhas das gravacións, e hoxe tócalle a vez a un set tres de muiñeiras galegas, das que non lembramos xa ben a orixe. É posible que a primeira e a terceira as aprenderamos de Pablo Carpintero, a segunda pensamos que proviña do repertorio do grupo lalinense Dhais.

Que vos preste!

Agradecemos os vosos comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s