Experiencia do roteiro «Romasanta, esceario de película»

O sábado 4 de decembro tivemos un roteiro de catro horas dentro do concello de Esgos. O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra propúxolle organizalo a Oscar Doviso, amigo, director e produtor do filme «Luarada», e puxémonos os tres a argallar un plan de actividades relacionadas co lobishome de Esgos viable para ese tempo e espazo.

As prazas limitáronse a 10 persoas polo estado actual de pandemia; a mobilidade tíñase que realizar cos vehículos propios dos participantes, e preocupábanos a climatoloxía.

Mais tivemos un tempo espectacular! Desfrutamos moito preparándoo e encantounos compartir e reflexionar con todos os curiosos e estudosos/as que acudistes, a nosa inquedanza por esta historia con tantos puntos de vista diversos: etnografía, crenzas, paixón polo cine, recreación histórica…

Despois de nos xuntar ás 10 h no concello de Esgos, encamiñámonos a Regueiro, pobo de nacencia de Romasanta, a visitar a súa casa familiar, onde transcurriron os seus anos ata que enviudou en 1834.

Dende alí achegámonos á igrexa de Santa Olaia de Esgos, onde nos recibiu o párroco, Yerai Fariñas, quen nos ilustrou sobre o estado do templo naquela época, e tivemos oportunidade de falar da súa familia, inscricións nos libros parroquiais, a vida en Esgos e os oficios ambulantes.

A seguinte parada foi o pobo de Arcos, un dos escenarios do filme, onde Oscar explicou detidamente a elección dos exteriores, como se acondicionou o espazo para a gravación, a preocupación dos produtores de ofrecer unha imaxe fiel da vida, entorno, ropaxes e personalidade das personaxes, e multitude de anécdotas ocorridas alí.

Tras desplazarnos ao mosteiro de San Pedro de Rocas, fixemos un gabinete de investigación na propia Sala da lareira. Como sabedes Rocas é un lugar emblemático pois un criado do prior de Rocas foi unhas das primeiras mortes que os veciños da contorna lle apuxeron a Manuel Blanco.

Alí expuxemos o historial de víctimas; teorías que rodearon o caso: a autoinculpación como lobishome, as crenzas na licantropía na tradición galega, as acusacións dos seus veciños como Home do unto. Amosamos pregos de cordel de lobishomes, chupasangues e sacauntos, así como libros de farmacopea da época, prensa, gravados e a reconstrución de Romasanta realizada polo forense Fernando Serrulla e Marga Sanín. Tamén deu tempo a falar sobre memoria oral e da súa cova na serra de San Mamede, e os descubrimentos sobre a súa morte no Penal de Ceuta e os seus anos na cadea.

Pechamos esta intensa actividade na sala principal coas explicacións de Oscar sobre o filme: como xurdiu a idea, proceso de traballo, os exteriores, e as proxeccións do Teaser, o Trailer (avance), e mesmo dunha escea inédita -a película está en proceso de produción, e apenas se amosou unha parte dela no OUFF 2020: só poderedes velo en actividades exclusivas coma esta-.

Quedamos encantados coa experiencia, continuaremos con máis roteiros sobre Romasanta que iremos anunciando aquí, e non podemos menos que agradecer ao Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, e especialmente a Cristina que nos acompañou; ao concello de Esgos e a Camilo; ao persoal de San Pedro de Rocas, e á Deputación de Ourense e Aurelio Gómez, o seu apoio e implicación coa actividade.

Para quen non pudestes vir e vos apeteza achegarvos un pouco á experiencia, podedes volver ver o teaser e o trailer de Luarada aqui 🙂

Agradecemos os vosos comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s