Xa está á venta e podedes conseguir o catálogo da exposición que tivemos no Museo Etnolóxico de Ribadavia. É unha obra en tapa dura de 161 páxinas, con profusión de fotografías, Anexos con gacetas e lista de tesouros do Reino de Galiza, e unha ampla bibliografía e referencias. En resumidas contas, unha obra única no seu xénero e que senta un antes e un despois nas publicacións de temática máxica no Estado.
Co magnífico deseño de Che Edenia, fotografías de Mark Ritchie, representa unha completísima visión da exposición. Non só recolle os textos e materiais exhibidos con toda a fidelidade, o que fai perdurar no tempo o proxecto expositivo, senón que os dota de enerxía propia.
A diferencia doutros catálogos nos que as páxinas e libros son escaneados e estampados, a ampla experiencia do fotógrafo Mark Ritchie para catálogos e exposicións (non en van ten traballado nos catálogos de Carolina Herrera, do Museo de Arte Contemporáneo de Santiago, e outros), fai que os grimorios, obxectos máxicos e amuletos, resalten nas súas proporcións, materiais e mesmo texturas, cobren vida e salgan do papel.






O catálogo poderédelo adquirir ou ben no propio Museo Etnolóxico de Ribadavia, ou ben na páxina da libraria institucional da Xunta de Galicia
Presentámolo antronte mércores no Museo, coa presencia do secretario xeral de cultura da Xunta, Anxo M.Lorenzo, do vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, e do director do Museo César Llana.
Moi agradecidos ao director do Museo, César Llana, e ás institucións galegas, por facer posible esta exposición e catálogo e confiamos en que a sigan apoiando para poder levala a máis cidades.

