INIMITABLES: Os cacharreiros de Niñodaguia
A TVG únese hoxe á gran celebración da olaría tradicional de Niñodaguia cun ‘Inimitables’ que contará con algúns dos mellores grupos do actual panorama musical galego. Os espectadores gozarán da festa, pero tamén coñecerán algúns dos segredos dos cacharreiros e que fan os veciños desta aldea ourensá para defender o oficio.
TOR participamos nesta festa e poderémolo disfrutar e ver hoxe ás 15:45 na TVG





Fotografías de Xesús Fariñas para La Región
Compartimos a nota de prensa do programa:
OS CACHARREIROS DE NIÑODAGUIA: A TERRA NAS MANS
Televisión de Galicia emitirá hoxe sábado, 24 de decembro, ás 15.45 h. un programa especial dedicado aos cacharreiros de Niñodaguia. Asistiremos á unha fornada tradicional, veremos tal como se cocían os cacharros antigamente e saberemos dalgúns dos máxicos segredos dos oleiros labregos de Galicia.
O traballo da olería tradicional leva tempo en perigo grave de extinción. Pero nunha pequena aldea galega, Niñodaguia, Agustín Vázquez, mestre cacharreiro, e os veciños do lugar, loitan duramente para que a crónica desta morte anunciada non se chegue a producir.
E como loitan contra o inevitable? Pois cun traballo exemplar de transmisión, difusión e participación. Organizan mostras da olería dos lugares máis destacados nesas artes, para estar ao día; encontros interxeracionais entre os máis vellos e os máis novos para transmitir o saber; clases de olería; festas e concertos; e converteron en celebracións algúns dos procesos do oficio, como as fornadas tradicionais.
Tal como nos amosou a pandemia o “made in china” xa non é unha solución fiable en tempos de crise, así que volvemos a valorar o artesán, o produto de proximidade, o feito na casa. Por ese motivo decidimos unirnos aos veciños de Niñodaguia e celebrar con eles e con toda Galicia esta gran festa da olería e dos oficios tradicionais.
“Os cacharreiros de Niñodaguia: A terra nas mans”, un programa da televisión pública de Galicia dirixido por Senén Bernárdez, é unha festa pero tamén un documento sumamente valioso, que o tempo irá poñendo aínda máis en valor. Un documento sobre un dos nosos oficios máis antigos, auténticos e valiosos, o oficio dos oleiros ou cacharreiros.
Acompañamos os veciños nas súas actividades durante máis de dous anos e invitamos músicos galegos de primeira liña e diferentes estilos, como Tor, Ao fondo da barra, Mekanika Rolling Band ou Som do Galpom. Porque esta é unha loita de todos, dos vellos e dos novos, dos veciños de Niñodaguia e de todos os galegos que queremos preservar a nosa cultura. Música e oficios tradicionais van hoxe da man de Agustín, Enrique, José, Benigno e todos os cacharreiros de Niñodaguia para defender o “feito na casa”, o “feito en Galicia”.
A produción industrial moderna é unha longa cadea, con centos de persoas; oficios, que en diferentes lugares, países e incluso continentes, interveñen na obtención de materias primas, man de obra, fabricación de compoñentes, patentes, deseños, transporte, marketing e comercialización.
Polo contrario, un cacharreiro é autosuficiente. Fai todos os pasos da fabricación, distribución e venda dun cacharro: a extracción do barro na barreira, a preparación do barro, o modelado na roda, o secado, a cocción, o vernizado e a venda. Os cacharros son un dos poucos produtos feitos dende principio a fin no mesmo lugar, neste caso, Niñodaguia.
Un magnífico exemplo de sustentabilidade neste tempos de crise de materias primas e da deslocalización de empresas.
Así que invítamosvos a ver hoxe:
OS CACHARREIROS DE NIÑODAGUIA: A TERRA NAS MANS
24 de decembro de 2022, ás 15.45 h. en Televisión de Galicia