Arquivo da categoría: Prensa

Romasanta en El Progreso de Lugo, próximas clases

Seguimos con algúns artigos máis cubrindo o curso na UNED.

Estamos realmente contentos coa acollida deste curso. Ao final 10 horas para tratar todos os aspectos desta figura fánsenos poucas, e quedan moitos puntos apenas esbozados. En próximas edicións intentaremos ampliar algo as sesións.

En todas as sesión intentamos levar material de soporte para a charla e que as persoas asistentes poidan velas. o xoves pasado foron:

-Reproducións de tarros de farmacia alemáns con Axung. Hominis (“graxa humana”)

-Reprodución dunha man de gloria, man dun aforcado cunha vela de sebo humano que, seguindo as instruccións dos grimorios medievais, empregaban os ladróns para entrar e roubar nas casas, xa que provocaba un sono máxico aos sus habitantes.

-Un libro orixinal da Palestra Chymica-Galenica de Félix Palacios de 1730, que incluía entre os compoñentes para elaborar as súas receitas, o unto de home ou cranio de persoa morta violentamente.

Para o próximo mércores día 29, que trataremos entre outras cousas a perspectiva médica e psiquiátrica, levaremos a reconstrucción que fixeron Fernando Serrulla e Marga Sanín, do IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galicia). Gracias aos dous e á Fundación Vicente Rico, por ofrecernola.

TOR no programa Ábrete de Orellas, de Pepe Cunha

https://www.ivoox.com/abrete-orellas-cdlxxiii-7-marzo-2023-audios-mp3_rf_104160262_1.html

O amigo Pepe Cunha ven de incluir a TOR (minuto 33 en adiante) anunciando o noso concerto en Ortigueira no seu CDLXXIII programa Abrete de Orellas, moitas gracias por darnos visibilidade!

7-marzo-2023

1 Fuxan os Ventos con Mercedes Peón “Muller”
2 Fuxan os Ventos “Eu En Ti”
3 Mercedes Peón “Isué”
4 Su Garrido Pombo “O meu neno”
5 Mäi “Templo escuro”
6 Leilía “Voz das Evas”
7 TOR “Valses – Alalá de Vilalba, xotica de Bernardo Lopes e valse dos irmáns Moreiras”
8 Lizgairo “Muiñeira de Piadela”
9 Fernando Barroso ‘Bulevar Fandango’
10 Loita Amada “O monstro”
11 Superfuzz “Descontrol”
12 Tom Waits “Closing Time”

As “outras” culturas invisibles. Diario El Salto, edición Galiza

«As “outras” culturas invisibles, Sobre a diversidade cultural e os casos das Tanxugueiras e as Tarambainas» é a colaboración de Félix que co apoio de AGANTRO Asociación Galega de Antropólogos, saiu publicada recentemente no diario El Salto edición Galiza e que podedes ler neste enlace

Nel reflexiona sobre o distinto tratamento das culturas do estado español que invisibilizan sistemáticamente as culturas periféricas, relacionando co ocorrido coas Tanxugueiras no Benidorm Fest e lembrando a participación das Tarambainas en «Tú sí que vales».

Ígor Medio. 3 a 6 de mayo, Selmana de les lletres asturianes

Este ano a Selmana de les Lletres Asturianes, tá dedicado ao noso querido Ígor Medio.

Entre as actividades programadas (publicacións, documental, exposicións, mesas redondas, concertos…) o día 4 de maio faráse o Concerto d´Ígor Medio ás 20 h na Llaboral de Xixón, no que tamos encantadísimos de participar Félix e Castor como felpellos en excedencia 🙂

As entradas poderánse reservar en liña, e vos avisaremos en canto abran a plataforma

Podedes ler a noticia completa das actividades e unha semblanza sobre todo o que significa Ígor para o cómic e a música deste país en Europa Press

Experiencia do roteiro «Romasanta, esceario de película»

O sábado 4 de decembro tivemos un roteiro de catro horas dentro do concello de Esgos. O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra propúxolle organizalo a Oscar Doviso, amigo, director e produtor do filme «Luarada», e puxémonos os tres a argallar un plan de actividades relacionadas co lobishome de Esgos viable para ese tempo e espazo.

As prazas limitáronse a 10 persoas polo estado actual de pandemia; a mobilidade tíñase que realizar cos vehículos propios dos participantes, e preocupábanos a climatoloxía.

Mais tivemos un tempo espectacular! Desfrutamos moito preparándoo e encantounos compartir e reflexionar con todos os curiosos e estudosos/as que acudistes, a nosa inquedanza por esta historia con tantos puntos de vista diversos: etnografía, crenzas, paixón polo cine, recreación histórica…

Despois de nos xuntar ás 10 h no concello de Esgos, encamiñámonos a Regueiro, pobo de nacencia de Romasanta, a visitar a súa casa familiar, onde transcurriron os seus anos ata que enviudou en 1834.

Dende alí achegámonos á igrexa de Santa Olaia de Esgos, onde nos recibiu o párroco, Yerai Fariñas, quen nos ilustrou sobre o estado do templo naquela época, e tivemos oportunidade de falar da súa familia, inscricións nos libros parroquiais, a vida en Esgos e os oficios ambulantes.

A seguinte parada foi o pobo de Arcos, un dos escenarios do filme, onde Oscar explicou detidamente a elección dos exteriores, como se acondicionou o espazo para a gravación, a preocupación dos produtores de ofrecer unha imaxe fiel da vida, entorno, ropaxes e personalidade das personaxes, e multitude de anécdotas ocorridas alí.

Tras desplazarnos ao mosteiro de San Pedro de Rocas, fixemos un gabinete de investigación na propia Sala da lareira. Como sabedes Rocas é un lugar emblemático pois un criado do prior de Rocas foi unhas das primeiras mortes que os veciños da contorna lle apuxeron a Manuel Blanco.

Alí expuxemos o historial de víctimas; teorías que rodearon o caso: a autoinculpación como lobishome, as crenzas na licantropía na tradición galega, as acusacións dos seus veciños como Home do unto. Amosamos pregos de cordel de lobishomes, chupasangues e sacauntos, así como libros de farmacopea da época, prensa, gravados e a reconstrución de Romasanta realizada polo forense Fernando Serrulla e Marga Sanín. Tamén deu tempo a falar sobre memoria oral e da súa cova na serra de San Mamede, e os descubrimentos sobre a súa morte no Penal de Ceuta e os seus anos na cadea.

Pechamos esta intensa actividade na sala principal coas explicacións de Oscar sobre o filme: como xurdiu a idea, proceso de traballo, os exteriores, e as proxeccións do Teaser, o Trailer (avance), e mesmo dunha escea inédita -a película está en proceso de produción, e apenas se amosou unha parte dela no OUFF 2020: só poderedes velo en actividades exclusivas coma esta-.

Quedamos encantados coa experiencia, continuaremos con máis roteiros sobre Romasanta que iremos anunciando aquí, e non podemos menos que agradecer ao Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, e especialmente a Cristina que nos acompañou; ao concello de Esgos e a Camilo; ao persoal de San Pedro de Rocas, e á Deputación de Ourense e Aurelio Gómez, o seu apoio e implicación coa actividade.

Para quen non pudestes vir e vos apeteza achegarvos un pouco á experiencia, podedes volver ver o teaser e o trailer de Luarada aqui 🙂

Reseña da exposición «San Cipriano o Mago» en La Región

O RIBEIRO

Arte et Alia

Exposición sobre San Cipriano o Mago no Museo Etnolóxico de Ribadavia

Na procura dos tesouros co circo máxico e o Lucifugo Rofocale.
photo_cameraNa procura dos tesouros co circo máxico e o Lucifugo Rofocale.
Xabier Limia de Gardón

Xabier Limia de Gardón31/MAY./21

Comezou o que sería unha ampla colección na libraría de La Región, sendo o agasallo doutro libro do tema pola súa dona o que lle serviu de acicate para esta teima, dende fai vinte dous anos, a Félix Castro Vicente, quen presenta o resultado da súa paixón etnográfica, cento cincuenta pezas que se exhiben dende fai meses no Etnolóxico de Ribadavia: “San Cipriano o Mago: de oracións, ciprianillos e tesouros”. Poderase seguir desfrutando ao longo do ano, neste Museo do centro histórico da capital do Ribeiro. Aproveitar a visita dos seus ricos fondos e ademais as outras exposicións temporais, como a da “Abrente” ou a da dedicada á Seda, que comezou estes días…, unha programación que quixeramos para Ourense e o seu Museo, orfos dela dende fai catro lustros. Félix Castro, galardoado en 2020 co “Premio Vicente Risco” por “Do doutor Alveiros á porta de palla. O ocultismo na obra e vida de Vicente Risco”, é avogado e tamén músico, como o seu xemelgo Cástor (Ourense, 1970), quenes con outros dous amigos están a recuperar música de raíz nos pobos de Ourense, que transmiten co seu grupo de música folk céltica “Tor”. Os dous polifacéticos irmáns coeditaron dende a Asociación do Arquivo Castro Vicente de Investigacións e actividades en Música tradicional, Etnografía galega e Artes marciais, “El libro magno de San Cipriano tesoro del hechicero” de “Enediel Shaiah” (Alfredo Rodríguez Aldao), no que está a famosa “lista de tesouros do Reino de Galicia” e de como desencantalos, un clásico. 

grimorios_en_voo_suspendido_resultado

A exposición dedicada ao mártir Cipriano de Antioquía, o santo mago cristián por excelencia, famoso dende a liturxia hispánica por celebrarse o 16 de setembro ao lado de San Cornelio Papa, espallándose así por Galicia, Portugal, Asturias, e outras terras, como sabiamos dende as clases do Doutor Alonso del Real, do que nos leccionou na USC, outro mago polos temas que trataba en Antropoloxía con liberdade de cátedra. Protector contra meigallos e mal de ollo a súa figura difundiuse por Europa, norte de África, medio Oriente e Iberoamérica. Félix Castro inclúe na mostra uns sesenta libros de maxia dende Brasil e México a Escandinavia, Grecia, Rusia, Armenia, Etiopía, Alemaña, Francia… Esta faciana súa é a que acendeu o imaxinaria popular dende o Libro de San Cipriano ou Ciprianillo, o máis famoso, que se lle atribúe. A súa análise, e a busca dos tesouros son dúas das seccións desta completísima mostra que conclúe coa súa presenza no mundo. Contemplar os gravados, amuletos, libros de oracións, grimorios antigos e rolos máxicos, as varas de abeleira e outros obxectos (aneis, pulseiras, xabóns ou velas), até iconas, e velo todo nas salas co deseño e montaxe expositiva de Xosé Lois González e Disigna Edenia, e fotografías de Mark Ritchie é garantía. A representación do circo máxico para achar tesouros, as varias imaxes de Lucifugo Rofocale, lugartenente do Inferno que os custodia, e as vitrinas cos grimorios suspendidos como levitando, son ben acaídos. Un destacar o mes Internacional dos Museos e a Feira/Festa do viño de Ribadavia, grandes efemérides da Primavera. Parabéns!

Moitas gracias a Xabier Limia por esta completa reseña, onde visibiliza todo o noso traballo, e tamén o do fotógrafo Mark Ritchie e Xosé Lois Vázquez, Edenia, e mesmo dos nosos compañeiros en TOR.

Realmente perdemos moitas horas enviando notas de prensa, chamando persoalmente a redactores, informando das actividades que facemos, que normalmente non conseguimos nin unha pequena nova e can en saco roto, salvo poucas e honrosas excepcións (aquí o noso saúdo e agradecemento a Suso Fariñas e a Eli).

Abrir o xornal e atoparse unha información onde dunha tacada se fala tanto e tan ben informado de todos os traballos polos que loitamos da unha alegría inmensa, e é moi de agradecer.