Arquivo por etiquetas: Deseño

O concepto e o deseño de «TOR Folk Céltico da Galiza» (II)

O interior do Digipack

Mentres no exterior, as referencias estéticas son máis galaicas, castrexas, ao abrir o Digipack, comeza a viaxe  e os referentes dispáranse en diversas direccións:

 A BANDEXA do CD

Un dos elementos que da nome ao grupo é o Pazo de Tor (como podede ver na entrada sobre o noso nome). Trátase dunha antiga casa fidalga sita na parroquia de San Xoan de Tor, perto de Monforte (Lugo). Dese pazo saíu a zanfoña coa que gravou nos anos 50 o famoso artesán e intérprete Faustino Santalices os seus discos de pedra. Dentro das moitas marabillas que atesoura no pazo destaca o Labirinto de Tor, que quixemos que tivera presencia dalgún xeito no presente  traballo.

Iste labirinto pétreo foi deseñado no s. XVIII por un arquitecto italiano descoñecido e antigamente formaba un xardín decorativo. Podedes visitar virtualmente os espazos do Pazo aquí

En plena pandemia durante o deseño do CD  estivemos buscando na rede representacións do labirinto axeitadas, e atopamos a que fixo Suso Barral que nos pareceu formidable para a bandexa, o mundo xirando a redor do centro do Laberinto de Tor…

A GALLETA do CD

Démoslle moitas voltas a este deseño, quixemos que fora algo pétreo, que o Kallaiko de Vitrubio estivera tamén xirando nel. Finalmente optamos por un deseño circular proxectado sobre a pedra formosa do castro de Briteiros (Portugal), datada entre 300 e 100 A.C..

As pedras formosas  forman parte da arquitectura monumental nalgúns castros da cultura galaica. Eran grandes lousas de pedra decoradas con diversos motivos e que daban entrada por unha pequena abertura á sauna ou balneario, espazos sagrados destiñados a rituais con auga e lume.

Deste xeito a pedra Formosa do CD, protexida polo Kallaiko de Vitrubio, abre paso a un Outro mundo, o espazo sonoro do proxecto.