Investigacións e actividades en Música tradicional, Etnografía galega e Artes marciais. Arquivo Castro Vicente, rex. nº 2013/01752 Sección 1ª Rexistro Central de Asociacións de Galicia. Este Blog é unha Revista Electrónica cos Dereitos de Autor rexistrados ISSN 2386-9518
Despois de matinar largo tempo sobre como aportar a nosa propia visión ao caso Romasanta, no mes de Marzo impartiremos un curso de Extensión Universitaria na UNED de Ourense cun total de 10 horas sobre Manuel Blanco Romasanta e as nosas investigacións, dende o punto de vista histórico, criminolóxico, da antropoloxía e etnografía.
Centrarémonos especialmente nas distintas vías de investigación que temos levado adiante, podédevos anotar en liña na páxina da Uned; a asistencia ao curso pode ser presencial, en liña en directo, ou acceder posteriormente aos vídeos das clases.
O sábado 4 de decembro tivemos un roteiro de catro horas dentro do concello de Esgos. O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra propúxolle organizalo a Oscar Doviso, amigo, director e produtor do filme «Luarada», e puxémonos os tres a argallar un plan de actividades relacionadas co lobishome de Esgos viable para ese tempo e espazo.
As prazas limitáronse a 10 persoas polo estado actual de pandemia; a mobilidade tíñase que realizar cos vehículos propios dos participantes, e preocupábanos a climatoloxía.
Mais tivemos un tempo espectacular! Desfrutamos moito preparándoo e encantounos compartir e reflexionar con todos os curiosos e estudosos/as que acudistes, a nosa inquedanza por esta historia con tantos puntos de vista diversos: etnografía, crenzas, paixón polo cine, recreación histórica…
Despois de nos xuntar ás 10 h no concello de Esgos, encamiñámonos a Regueiro, pobo de nacencia de Romasanta, a visitar a súa casa familiar, onde transcurriron os seus anos ata que enviudou en 1834.
Dende alí achegámonos á igrexa de Santa Olaia de Esgos, onde nos recibiu o párroco, Yerai Fariñas, quen nos ilustrou sobre o estado do templo naquela época, e tivemos oportunidade de falar da súa familia, inscricións nos libros parroquiais, a vida en Esgos e os oficios ambulantes.
A seguinte parada foi o pobo de Arcos, un dos escenarios do filme, onde Oscar explicou detidamente a elección dos exteriores, como se acondicionou o espazo para a gravación, a preocupación dos produtores de ofrecer unha imaxe fiel da vida, entorno, ropaxes e personalidade das personaxes, e multitude de anécdotas ocorridas alí.
Tras desplazarnos ao mosteiro de San Pedro de Rocas, fixemos un gabinete de investigación na propia Sala da lareira. Como sabedes Rocas é un lugar emblemático pois un criado do prior de Rocas foi unhas das primeiras mortes que os veciños da contorna lle apuxeron a Manuel Blanco.
Alí expuxemos o historial de víctimas; teorías que rodearon o caso: a autoinculpación como lobishome, as crenzas na licantropía na tradición galega, as acusacións dos seus veciños como Home do unto. Amosamos pregos de cordel de lobishomes, chupasangues e sacauntos, así como libros de farmacopea da época, prensa, gravados e a reconstrución de Romasanta realizada polo forense Fernando Serrulla e Marga Sanín. Tamén deu tempo a falar sobre memoria oral e da súa cova na serra de San Mamede, e os descubrimentos sobre a súa morte no Penal de Ceuta e os seus anos na cadea.
Pechamos esta intensa actividade na sala principal coas explicacións de Oscar sobre o filme: como xurdiu a idea, proceso de traballo, os exteriores, e as proxeccións do Teaser, o Trailer (avance), e mesmo dunha escea inédita -a película está en proceso de produción, e apenas se amosou unha parte dela no OUFF 2020: só poderedes velo en actividades exclusivas coma esta-.
Quedamos encantados coa experiencia, continuaremos con máis roteiros sobre Romasanta que iremos anunciando aquí, e non podemos menos que agradecer ao Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, e especialmente a Cristina que nos acompañou; ao concello de Esgos e a Camilo; ao persoal de San Pedro de Rocas, e á Deputación de Ourense e Aurelio Gómez, o seu apoio e implicación coa actividade.
Para quen non pudestes vir e vos apeteza achegarvos un pouco á experiencia, podedes volver ver o teaser e o trailer de Luarada aqui 🙂
Estamos ilusionados coa proposta de Turismo Ribeira Sacra e Oscar Doviso, Zinemusik, amigo, director do filme «Luarada» sobre Manuel Blanco Romasanta, de organizar un pequeno roteiro polo concello de Esgos, lugar de nacencia e primeiras andanzas do célebre lobishome, e de gravación da película!
Será dentro das actividades «A caída da folla» o día 4 de decembro ás 10 h , prazas limitadas a un grupo de 6 a 10 persoas.
Máis adiante iremos revelando algo do contido, que agardamos sexa do voso interese