Investigacións e actividades en Música tradicional, Etnografía galega e Artes marciais. Arquivo Castro Vicente, rex. nº 2013/01752 Sección 1ª Rexistro Central de Asociacións de Galicia. Este Blog é unha Revista Electrónica cos Dereitos de Autor rexistrados ISSN 2386-9518
Despois de matinar largo tempo sobre como aportar a nosa propia visión ao caso Romasanta, no mes de Marzo impartiremos un curso de Extensión Universitaria na UNED de Ourense cun total de 10 horas sobre Manuel Blanco Romasanta e as nosas investigacións, dende o punto de vista histórico, criminolóxico, da antropoloxía e etnografía.
Centrarémonos especialmente nas distintas vías de investigación que temos levado adiante, podédevos anotar en liña na páxina da Uned; a asistencia ao curso pode ser presencial, en liña en directo, ou acceder posteriormente aos vídeos das clases.
O sábado 4 de decembro tivemos un roteiro de catro horas dentro do concello de Esgos. O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra propúxolle organizalo a Oscar Doviso, amigo, director e produtor do filme «Luarada», e puxémonos os tres a argallar un plan de actividades relacionadas co lobishome de Esgos viable para ese tempo e espazo.
As prazas limitáronse a 10 persoas polo estado actual de pandemia; a mobilidade tíñase que realizar cos vehículos propios dos participantes, e preocupábanos a climatoloxía.
Mais tivemos un tempo espectacular! Desfrutamos moito preparándoo e encantounos compartir e reflexionar con todos os curiosos e estudosos/as que acudistes, a nosa inquedanza por esta historia con tantos puntos de vista diversos: etnografía, crenzas, paixón polo cine, recreación histórica…
Despois de nos xuntar ás 10 h no concello de Esgos, encamiñámonos a Regueiro, pobo de nacencia de Romasanta, a visitar a súa casa familiar, onde transcurriron os seus anos ata que enviudou en 1834.
Dende alí achegámonos á igrexa de Santa Olaia de Esgos, onde nos recibiu o párroco, Yerai Fariñas, quen nos ilustrou sobre o estado do templo naquela época, e tivemos oportunidade de falar da súa familia, inscricións nos libros parroquiais, a vida en Esgos e os oficios ambulantes.
A seguinte parada foi o pobo de Arcos, un dos escenarios do filme, onde Oscar explicou detidamente a elección dos exteriores, como se acondicionou o espazo para a gravación, a preocupación dos produtores de ofrecer unha imaxe fiel da vida, entorno, ropaxes e personalidade das personaxes, e multitude de anécdotas ocorridas alí.
Tras desplazarnos ao mosteiro de San Pedro de Rocas, fixemos un gabinete de investigación na propia Sala da lareira. Como sabedes Rocas é un lugar emblemático pois un criado do prior de Rocas foi unhas das primeiras mortes que os veciños da contorna lle apuxeron a Manuel Blanco.
Alí expuxemos o historial de víctimas; teorías que rodearon o caso: a autoinculpación como lobishome, as crenzas na licantropía na tradición galega, as acusacións dos seus veciños como Home do unto. Amosamos pregos de cordel de lobishomes, chupasangues e sacauntos, así como libros de farmacopea da época, prensa, gravados e a reconstrución de Romasanta realizada polo forense Fernando Serrulla e Marga Sanín. Tamén deu tempo a falar sobre memoria oral e da súa cova na serra de San Mamede, e os descubrimentos sobre a súa morte no Penal de Ceuta e os seus anos na cadea.
Pechamos esta intensa actividade na sala principal coas explicacións de Oscar sobre o filme: como xurdiu a idea, proceso de traballo, os exteriores, e as proxeccións do Teaser, o Trailer (avance), e mesmo dunha escea inédita -a película está en proceso de produción, e apenas se amosou unha parte dela no OUFF 2020: só poderedes velo en actividades exclusivas coma esta-.
Quedamos encantados coa experiencia, continuaremos con máis roteiros sobre Romasanta que iremos anunciando aquí, e non podemos menos que agradecer ao Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, e especialmente a Cristina que nos acompañou; ao concello de Esgos e a Camilo; ao persoal de San Pedro de Rocas, e á Deputación de Ourense e Aurelio Gómez, o seu apoio e implicación coa actividade.
Para quen non pudestes vir e vos apeteza achegarvos un pouco á experiencia, podedes volver ver o teaser e o trailer de Luarada aqui 🙂
Estamos ilusionados coa proposta de Turismo Ribeira Sacra e Oscar Doviso, Zinemusik, amigo, director do filme «Luarada» sobre Manuel Blanco Romasanta, de organizar un pequeno roteiro polo concello de Esgos, lugar de nacencia e primeiras andanzas do célebre lobishome, e de gravación da película!
Será dentro das actividades «A caída da folla» o día 4 de decembro ás 10 h , prazas limitadas a un grupo de 6 a 10 persoas.
Máis adiante iremos revelando algo do contido, que agardamos sexa do voso interese
Seguindo a liña de publicacións que preparamos nos últimos meses, puxemos no mercado fai quince días a nosa edición na colección Scrinium Mira Librorum da Reseña de la Causa orixinal editada en 1859.
«Reseña de la causa formada en el Juzgado de 1ª. instancia de Allariz. Distrito de La Coruña, contra Manuel Blanco Romasanta, El Hombre Lobo, por varios asesinatos. Ordenada y publicada por R.F.» Madrid: Imprenta de la viuda de Don Antonio Yenes, 1859. 225 páxinas.
Coñeciamos un dos poucos exemplares que se conservan nunha biblioteca privada, e decidimos traballar sobre el. Existen varias edicións anteriores (Civitas…), pero o que nos interesaba era facer unha edición seguindo as dimensións do libro orixinal, a cor, respetando a impresión que causa o libro antigo, as marcas de uso, etc.
Tamén fixemos unha edición en libro dixital, inexistente ata agora. Prepararemos no próximo mes unha edición en blanco e negro que abaratará o prezo de impresión, mantendo a versión a cor para os coleccionistas e interesados máis avezados.
Engadímoslle un breve texto introdutorio sobre a historia de Manuel Blanco Romasanta e mais un índice que non aparece no orixinal.
Podedes acceder ao libro en Amazon no seguinte enlace: