Arquivo por etiquetas: Magic

Galería fotográfica da Exposición «San Cipriano o Mago»

Deixámosvos unha pequena galería fotográfica de vitrinas e detalles da exposición comisionada por Félix Castro e con obxectos da nosa colección no Museo Etnolóxico de Ribadavia, prevista ata finais de decembro de 2021. Fotografías de sala realizadas por Xosé Lois Vázquez, e fotografías de detalle por Mark Ritchie realizadas para o catálogo.

A selección de pezas de diferente natureza buscan amosar a súa ambivalencia na realidade e no imaxinario popular, pola súa fama de Santo vinculado con prácticas relixiosas en toda Europa, África e parte de oriente dende antigo, senlleiramente mediante a “Oración de San Cipriano”, eficaz contra feitizos e o mal de ollo; e por outra banda con prácticas máxicas relacionadas co libro de maxia coñecido como “Libro de San Cipriano” ou ciprianillo na península ibérica, vinculado en Galiza e Portugal á busca de tesouros ocultos, contextualizando esta obra no mundo dos libros de maxia e prácticas máxicas europeas.

 A exposición compónse dun total de máis de 150 obxectos:

50 obxectos relixiosos relacionados con San Cipriano (oracións de San Cipriano, gravados, pregos de cordel, libros de vidas de santos, iconos, amuletos, rolos máxicos etíopes) procedentes de numerosos países, España, Portugal, Italia, Francia, Rusia, Grecia, Armenia, Etiopía,  etc.
20 libros de maxia (grimorios) europeos  (escandinavos, alemáns, italianos, franceses), moitos deles do s. XIX, algúns vinculados directamente a San Cipriano e outros textos que influenciaron no contido dos nosos ciprianillos.
40 libros de san Cipriano do s. XIX ata mediados do s. XX, incluíndo as edicións primeiras e máis buscadas edicións coñecidas, tanto portuguesas, españolas, mexicanas, brasileiras, arxentinas, italianas, etc.  

18 obxectos relacionados coa busca de tesouros (varas de san Cipriano para localizar tesouros ocultos, reprodución dun circo máxico de desencanto de tesouros, reproducións de gacetas e listas de tesouros, etc.)
25 obxectos máxicos relacionados co culto a San Cipriano en todo o mundo, tanto obxectos esotéricos como cartas de cartomancia, amuletos e aneis; de Santería (aceites, velas, etc.) como de bruxería tradicional de Galicia (incluíndo a alla das bruxas).

Animádevos visitalo e descubrir a apaixoante historia de San Cipriano, os grimorios máxicos en Galicia e o desencanto de tesouros.

E tamén vos anunciamos que próximamente sairá á venta o catálogo a toda cor da exposición!

Ambito I Cipriano o Santo

Ámbito II Cipriano o Mago

Ámbito III: A busca e desencanto de tesouros

Ámbito IV: San Cipriano no mundo

Conferencia de Rafael Quintía no Etnolóxico de Ribadavia 19/XI/21

May be an image of texto

Lembraivos que este próximo venres, día 19, terá lugar a última conferencia organizada co gallo da Exposición no Museo Etnolóxico de Ribadavia “San Cipriano o Mago: de oracións, ciprianillos e tesouros”.
A conferencia será impartida polo antropólogo pontevedrés Rafael Quintía ás 20 hs. co título de “Mouros, Mouras e tesouros: mito e identidade na sociedade da carestía“.
Entrada libre ata completar aforo. O pasado 12 quedou xente fora, chegade con tempo, aviso por se acaso…

Continúan as conferencias no Etnolóxico de Ribadavia 12/XI/2021

O venres ás 20:00h retómanse as conferencias arredor do mundo de San Cipriano de man de Bea Comendador e Félix Castro.

Á conferencia pódese asistir de forma presencial ou pola internet a través da plataforma Falemos da Xunta de Galicia copiando no navegador a seguinte dirección:

https://falemos.xunta.gal/CCEU_MuseoEtnoloxico…

e o contrasinal: BibliotecaMER

O acceso a Falemos recomenda realizarse a través dos navegadores Google Chrome e Chromium tanto para equipos con Windows, Linux ou MacOs.

Se a conexión é desde un smartphone ou tablet hai que descargar a aplicación Jitsi Meet.Entrada libre ata completar capacidade.

Observaranse as medidas de prevención establecidas na lexislación vixente ante a crise sanitaria ocasionada pola covid-19

Exposición San Cipriano no Etnolóxico de Ribadavia

Parece que non fai tanto e a exposición xa leva instalada no Museo Etnolóxico nada menos que dende Novembro de 2020. Podédela visitar ata o mes de decembro de 2021, quedan apenas un par de mesiños, non faltedes!

Podedes conxugar a visita coa asistencia a algunha das conferencias. E estáse a ultimar un magnífico catálogo, inzado de magníficas fotografías e información que dará moito que ler e falar.

(Fotografías xerais da exposición de Xosé Lois Vázquez, e detalles por Mark Ritchie)

Edición do «Grande e Maravilhoso Livro de S. Cypriano»

Aproveitamos estes días para seguir traballando no escaneo e maquetación de máis obras raras e orixinais, e hoxe acabamos de publicar en Amazon un novo libro electrónico o n.º 2 da colección Scrinium Mira Librorum.

241

Trátase da obra «Grande e Maravilhoso Livro de S. Cypriano», que fora publicado pola Livraria Popular de Francisco Franco, casa fundada en 1890, de Lisboa (Portugal).

Ata hoxe non había ningunha edición electrónica nin edicións impresas accesibles. Está en lingua portuguesa, conta con 318 páxinas, e novamente está escaneada a toda cor, respectando todo o posible o orixinal, procesado con OCR, índice detallado para navegar polo libro e unha presentación.

Este edición destaca entre as numerosas versións portuguesas pola súa orixinalidade e rareza. É una obra única porque inclúe unha cuarta parte con numerosas receitas máxicas que a relacionan cos grimorios europeos máis populares As Clavículas do Rei Salomón, A Veritable Magie Noire, o Grand Grimoire ou o Petit Albert franceses.

Como decimos esta é a única edición que coñecemos que engade esta cuarta parte á versión portuguesa da Livraría Económica de Lisboa, publicada no s. XIX. As demais edicións portuguesas que se atopan habitualmente son debedoras da versión da Livraría Económica, que consideramos canónica; nas súas primeiras edicións contaba soamente con dúas partes pero a finais do s. XIX foi completada cunha terceira parte. Nela relatábase a historia de Víctor Siderol, un labrego francés que viaxou a Galicia en busca de tesouros por consello do diabo, xunto coa lista de tesouros do Reino de Galicia e o modo de desencantalos.

Nos vindeiros días subiremos tamén outras dúas versións en tapa branda: impresa a cor, ou impresa en blanco e negro. De momento subimos aquí algunhas páxinas de mostra para que poidades ver o resultado