Publicacións Arquivo Castro Vicente

Scrinium Mira Librorum Gabinete dos Libros Maravillosos

Xa vai para vinte anos que comezamos a nosa investigación do famoso Libro de San Cipriano, libro lendario en Galicia para buscar tesouros escondidos e para outros fins. A nosa labor ten sido sobre todo comparar as diferentes versións portuguesas e españolas entre eles e coa súa contrapartida europea para contextualizalos no entorno europeo. Elo levounos co tempo á colección de numerosas obras de ocultismo ibéricas e francesas e a unha investigación arredor dos editores e autores de obras de ocultismo do cambio do s. XIX ao XX, do movemento teosófico en Galicia, e ocultistas tan senlleiros coma o galego Enediel Shaiah, Dr. Moorne, etc.

Neste longo percorrido témonos situado decote na heterodoxia, no limes da ortodoxia da investigación académica aceptable, que aínda arrastra moitos prexuízos e preconceptos froito da influencia da tradición xudeocristiá e católica existente con respecto as prácticas “máxicas” que non son consideradas ortodoxas; e tamén ás prácticas políticas da posguerra española que censurou todo este tipo de literatura “máxica” e aos seus practicantes, destruíndo os seus libros e elementos materiais, borrándoa case totalmente da memoria histórica, recluíndoos no mellor dos casos ao caixón das curiosidades supersticiosas que se debían negar e desterrar.  

Dende a publicación dos nosos primeiros artigos sobre o tema (2004), comezamos a recibir numerosos correos solicitándonos información para diversas empresas, a venda de algunhas das obras da nosa colección, axuda e colaboración en traballos publicados fora de España (USA, Reino Unido, Grecia…), etc.

Despois de todos estes anos, e considerando que moitas das obras que conservamos son de extrema rareza, dos que apenas temos visto e conseguido un único exemplar en todo este tempo, demos o paso de comezar a labor de reedición das mesmas para facelas accesibles e dalas a coñecer ao público e a calquera persoa e estudoso interesado no tema, cun ánimo divulgativo e  convencidos do seu interese antropolóxico e bibliófilo. Tal labor témola feito inicialmente mediante a plataforma de Amazon para poder garantir a máis doada difusión a outros países fora de España, dende os que nos solicitaron en numerosas ocasións exemplares destas obras.

Tamén queremos dotalas dun mínimo rigor en canto a contextualizar a obra, como se diría en antropoloxía, informando de quen foron os seus autores e editores, relación con outros materiais publicados, e tamén a tan necesaria información bibliográfica, xa que das obras que se teñen reeditado dende os anos setenta e oitenta en moitas ocasións se suprime a información fundamental da fonte da que proceden (lugar, editor e data de publicación da obra orixinal), non sabemos ben con que intencións, dificultando a investigación e confrontación dos textos reproducidos.

O proceso e formatos dispoñibles

Ao ser libros en ocasións con máis de cen anos de antigüidade, empregamos para non danalos un escáner fotográfico que permite capturar e procesar as páxinas sen necesidade de forzalos. Despois segue o longo proceso de revisalas todas, recortalas, centralas, e aplicar o recoñecemento de texto para a versión dixital. Elaoramos as cubertas, introducción e índice cando carecen del. Temos especial coidado en que a proporción do escaneado e a reprodución das páxinas no libro impreso se correspondan co exemplar orixinal para asemellar o máis posible a experiencia lectora. Todos eles están sendo publicados en formato electrónico, e mais como formato físico en tapa branda.

 No formato físico de tapa branda hai exemplares que estamos a distribuír en dúas versións: color e branco e negro.

A versión color reproduce a color do papel vello, as marcas e desgaste de uso do libro, e en ocasións mesmo anotacións de antigos propietarios. Esta versión recomendámola para os compradores que queiran unha reprodución fiel do libro.

Comparación entre o «Libro de San Cipriano y Santa Justina» orixinal (arriba) e a versión ACV (abaixo)
Páxinas da versión a color de «La Veritable Magie Noire» onde se aprecian as manchas e desgaste do libro orixinal

E aínda que a maioría dos libros son en tinta negra, hai algúns poucos orixinais que teñen as súas ilustracións coloreadas a man, polo que neses casos a versión a color é a idónea para adquirir. O maior inconveniente que ten é o prezo elevado que supón a reprodución a color do libro.

Ilustracións a color no «Grimoire du Pape Honorius»

A versión en branco e negro é moito máis axustada de prezo polos seus reducidos costes de impresión, polo que é a recomendable para o público en xeral.  

Detalle do «Libro Magno de San Cipriano» versión branco e negro

No mes de marzo de 2021 Amazon implementou a posibilidade de publicar en tapa dura, o que tamén iremos facendo posible en determinados libros. Neste momento só o preparamos en La reseña de la causa de Manuel Blanco Romasanta, el hombre lobo.

Non desbotamos nun futuro facer algunhas reedicións propias máis exclusivas en canto a materiais en papel e encadernación.

Así, con estas obras iniciamos a colección Scrinium Mira Librorum,  Gabinete dos Libros Maravillosos, reuníndoas ao modo dos antiguos scrinium romanos e medievais.

Ademais de grimorios ibéricos e europeos, incluimos nesta sección unha serie de publicacións sobre Manuel Blanco Romasanta, o Lobishome de Esgos, famoso que iniciamos coa Reseña da causa xudicial.

Sobre tema antropolóxico e etnográfico de Galicia, ofertamos a serie Antropoloxía, que abrimos coa reedición de «N-a miña aldea» de José Alonso Obregón.

Comparacións entre a edición ACV de «N-a miña aldea» (branco e negro) e o orixinal (dereita)

En breve subiremos a esta páxina descricións dos diferentes libros publicados ata agora.