Vídeo do tema Valses completo que fixemos TOR na festa da Fornada de Niñodaguia 2021.
Gravado e dirixido por Senén Bernández para o programa «Inimitables» e emitido pola TVG en Nadal de 2022 (a tarde do 24 e a mañá do 31) con máxima audiencia!
Arquivo da categoría: Música tradicional
Programa TVG “Os cacharreiros de Niñodaguia: A Terra nas Mans”
Para os que non o pudestes disfrutar en directo, aquí tedes o enlace para ver este fermoso programa, no que colaboramos con TOR.
Cun guión moi coidado, nesta nova entrega de «Inimitables» aprenderemos moito sobre o oficio e vida dos cacharreiros, ademais de disfrutar das múltiples colaboracións musicais.
Foi o programa máis visto en Galicia no seu espectro horario o día 24, cun 13 % de audiencia media e máis de 100.000 espectadores, aparte das múltiples remisións na TVG1, na 2, TVG Europa, America e Web.
Moitas grazas a Senén Bernárdez e a todo o seu equipo por contar con nós.
Cacharreiros de Niñodaguia: A Terra nas Mans 24/XII/22 15:45 TVG, TOR
INIMITABLES: Os cacharreiros de Niñodaguia
A TVG únese hoxe á gran celebración da olaría tradicional de Niñodaguia cun ‘Inimitables’ que contará con algúns dos mellores grupos do actual panorama musical galego. Os espectadores gozarán da festa, pero tamén coñecerán algúns dos segredos dos cacharreiros e que fan os veciños desta aldea ourensá para defender o oficio.
TOR participamos nesta festa e poderémolo disfrutar e ver hoxe ás 15:45 na TVG





Fotografías de Xesús Fariñas para La Región
Compartimos a nota de prensa do programa:
OS CACHARREIROS DE NIÑODAGUIA: A TERRA NAS MANS
Televisión de Galicia emitirá hoxe sábado, 24 de decembro, ás 15.45 h. un programa especial dedicado aos cacharreiros de Niñodaguia. Asistiremos á unha fornada tradicional, veremos tal como se cocían os cacharros antigamente e saberemos dalgúns dos máxicos segredos dos oleiros labregos de Galicia.
O traballo da olería tradicional leva tempo en perigo grave de extinción. Pero nunha pequena aldea galega, Niñodaguia, Agustín Vázquez, mestre cacharreiro, e os veciños do lugar, loitan duramente para que a crónica desta morte anunciada non se chegue a producir.
E como loitan contra o inevitable? Pois cun traballo exemplar de transmisión, difusión e participación. Organizan mostras da olería dos lugares máis destacados nesas artes, para estar ao día; encontros interxeracionais entre os máis vellos e os máis novos para transmitir o saber; clases de olería; festas e concertos; e converteron en celebracións algúns dos procesos do oficio, como as fornadas tradicionais.
Tal como nos amosou a pandemia o “made in china” xa non é unha solución fiable en tempos de crise, así que volvemos a valorar o artesán, o produto de proximidade, o feito na casa. Por ese motivo decidimos unirnos aos veciños de Niñodaguia e celebrar con eles e con toda Galicia esta gran festa da olería e dos oficios tradicionais.
“Os cacharreiros de Niñodaguia: A terra nas mans”, un programa da televisión pública de Galicia dirixido por Senén Bernárdez, é unha festa pero tamén un documento sumamente valioso, que o tempo irá poñendo aínda máis en valor. Un documento sobre un dos nosos oficios máis antigos, auténticos e valiosos, o oficio dos oleiros ou cacharreiros.
Acompañamos os veciños nas súas actividades durante máis de dous anos e invitamos músicos galegos de primeira liña e diferentes estilos, como Tor, Ao fondo da barra, Mekanika Rolling Band ou Som do Galpom. Porque esta é unha loita de todos, dos vellos e dos novos, dos veciños de Niñodaguia e de todos os galegos que queremos preservar a nosa cultura. Música e oficios tradicionais van hoxe da man de Agustín, Enrique, José, Benigno e todos os cacharreiros de Niñodaguia para defender o “feito na casa”, o “feito en Galicia”.
A produción industrial moderna é unha longa cadea, con centos de persoas; oficios, que en diferentes lugares, países e incluso continentes, interveñen na obtención de materias primas, man de obra, fabricación de compoñentes, patentes, deseños, transporte, marketing e comercialización.
Polo contrario, un cacharreiro é autosuficiente. Fai todos os pasos da fabricación, distribución e venda dun cacharro: a extracción do barro na barreira, a preparación do barro, o modelado na roda, o secado, a cocción, o vernizado e a venda. Os cacharros son un dos poucos produtos feitos dende principio a fin no mesmo lugar, neste caso, Niñodaguia.
Un magnífico exemplo de sustentabilidade neste tempos de crise de materias primas e da deslocalización de empresas.
Así que invítamosvos a ver hoxe:
OS CACHARREIROS DE NIÑODAGUIA: A TERRA NAS MANS
24 de decembro de 2022, ás 15.45 h. en Televisión de Galicia
Aulós. Música para os Kallaikos
Aulós. Música para o proxecto “Lanóbriga, una cidade galaica”
Dous temas interpretados en Aulós por Cástor (de composición propia, cun son pausado, e outro máis rítmico).
Artesán: Thomas Rezanka, Austria, reprodución do exemplar conservado no Museo do Louvre, París, de procedencia exipcia, segundo as medicións feitas polo prof. Stefan Hagel.
Dentro do noso interese pola recuperación de sons e instrumentos antigos, o Aulós é omnipresente en moitas das tradicións musicais en toda a cunca mediterránea. Trátase dun instrumento dobre tipo oboe, que o propio Estrabón [Xeografía, III, 3, 7] cita conxuntamente co salpynx (corno), como instrumentos musicais empregados acompañando ás danzas polos pobos do noroeste peninsular, no cambio de era.
Ben seguro que o Aulós tamén sería tocado polos kallaikos, nalgunhas das súas moi variadas configuracións. Dende hai unhas décadas investigadores europeos traballan na súa recuperación e téñense feito reproducións de distintos modelos que se atopan en museos, Louvre de París, Berlín, e excavacións en Grecia, Macedonia…
Na península ibérica aínda non ten aparecido ningún aulós reproducible, só un fragmento identificado recentemente como tal do xacemento ibero de Azaila-Teruel, aínda que abundan representacións en cerámicas, esculturas e metais (ver os traballos de Raquel Jiménez Pasalodos e Alicia Rodero Riaza).
O máis interesante do instrumento é que por si mesmo ao ser unha reprodución idéntica dos tubos orixinais, en canto os artesáns conseguiron fabricar palletas plenamente operativas, a afinación, as escalas, os intervalos e as harmonías que saen destes tubos, ideados para ser tocados conxuntamente, son impresionantes.
Gala Mestres da Memoria 2022
O venres 21/10/2022 terá lugar a Gala Mestras e Mestres da Memoria que organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Será no Vello Cárcere de Lugo, ás 18.30 h, e os merecidos galardoados son o grupo Malvela e Faustino Luis Seoane, gaiteiro do Canizo-A Gudiña (Ourense).
Alvaro, Félix e Cástor, de TOR, tocaremos algunhas pezas na homenaxe.
Tedes máis información en
https://axendacultural.aelg.gal/

Mestras da Memoria 2022: Malvela
Autoría: Alba Díaz
Grupo de folk galego interxeracional, creado en Sanguiñeda (Mos). Está integrado por 13 cantadeiras (Matilde, Silvina, Fita, Clara, Carmiña, Señora Carmen (falecida), Lina, Maruxa, Dina, Aurita, Teresa, Merche e Adela), acompañadas por 6 músicos: Gustavo Domínguez (acordeón), Raquel Domínguez (gaita), Pablo Ces (bombo), Anxo Pardo (tamboril), Abilio Santos (cavaquiño) e Ana Senlle (dirección vocal).
Mestre da Memoria 2022: Faustino Luís Seoane

– O gaiteiro do Canizo – A Gudiña, Faustino Luis Seoane, ten actualmente 98 anos, e é memoria viva dos gaiteiros da súa xeración. Faustino foi gravado no ano 1956 polo musicólogo americano Alan Lomax
As “outras” culturas invisibles. Diario El Salto, edición Galiza

«As “outras” culturas invisibles, Sobre a diversidade cultural e os casos das Tanxugueiras e as Tarambainas» é a colaboración de Félix que co apoio de AGANTRO Asociación Galega de Antropólogos, saiu publicada recentemente no diario El Salto edición Galiza e que podedes ler neste enlace
Nel reflexiona sobre o distinto tratamento das culturas do estado español que invisibilizan sistemáticamente as culturas periféricas, relacionando co ocorrido coas Tanxugueiras no Benidorm Fest e lembrando a participación das Tarambainas en «Tú sí que vales».
TOR na cervexaría Nós, Vigo 24/VI/22
Conciertu d´Ígor Medio!
Ourencanto 24/4/2022

Estamos encantadísimos de participar mañá no concerto de clausura de Ourencanto que será no Auditorio Municipal de Ourense ás 19 h, acompañando nos temas Terra Maina e Foliada de Santiago.
Tedes máis infomación na páxina de www.ourencanto.gal
Moitas gracias por contar novamente con nós!
Podedes ver a interpretación de «Terra Maina» no Ourencanto 2019
Entrevista en «Músicos do Miño» Radio Municipal de Tui

Pancho Álvarez dirixe, grava, guioniza e produce esta serie de cinco programas para a Radio Municipal de Tui, sobre músicos e músicas de ambas beiras do Miño. Para o seu programa nº 4, emitido o luns 11 e sábado 16 de abril, xuntounos para conversar con el sobre os nosos inicios musicais, tocar algúns temas en directo…. Podédelo escoitar arriba no enlace.
Moitas gracias Pancho sempre por contar con nós en todos os teus proxectos musicais e radiofónicos e polo cariño que nos amosas que como ben sabedes, é mutuo!