Tras as pegadas de Romasanta

Manuel  Blanco Romasanta, O home do Unto ou o Lobishome de Esgos (Regueiro 1809-Ceuta 1863)

¿Por qué investigamos o caso de Manuel Blanco Romasanta?

Levamos moitos anos adicados nas nosas investigacións a moitos outros temas un tanto afastados da música tradicional. Destas inquedanzas teñen xurdido artigos de bibliofilia sobre editores de esoterismo españois, os libros do demo, as distintas versións do Ciprianillo, o imaxinario máxico galego, ou o Dicionario Infernal de Colin de Plancy.

Outra figura central nos nosos estudos na última década é Manuel Blanco Romasanta, o Home do Unto, ou o Lobishome de Esgos, unha causa célebre que aconteceu a mediados do século XIX, na que aínda hai moitos cabos soltos e vías de estudo.

Malia que os nosos estudios iniciais se centraban en reunir bibliografía histórica, pregos de cordel, e referencias xornalísticas sobre o caso, en 2011 demos na hemeroteca Nacional de Madrid co achado da súa morte no Penal de Ceuta, feito descoñecido ata o momento, e que difundimos nas Primeiras Xornadas sobre Manuel Blanco Romasanta en Allariz (1-11-2011).

Isto demostrounos que aínda quedaba moito que desenlear. A releitura do caso permítenos acercarnos e contextualizalo dende o punto de vista etnográfico, antropolóxico, médico psiquiátrico, xurídico. A Fundación Vicente Risco ten promovido as Xornadas MBR en Allariz abordando todas estas perspectivas, e sempre xurden novas hipóteses sobre o caso, interrogantes e vías de investigación.

Queremos presentarvos aos nosos principais colaboradores e compañeiros nesta aventura.

Mark Ritchie

Mark _MG_0560web

Fotógrafo profesional, australiano de nacencia e ourensán de pacencia e familia. Comezou a finais dos 70 ea tomar interese na fotografía. Estudiou no “Sydney Technical College” entre 1981-84. En 1992 chegou a Alemaña e dende finais dos 90 reside en Galicia. Traballa como fotógrafo en campos variados, incluíndo fotografía de estudio, fotografía de arquitectura e documentación, colaboracións con diseñadores gráficos e  tamén realiza cada certo tempo exposicións de traballos persoais.

Fernando Serrulla Rech

FOTO FSR

Médico e antropólogo forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia, membro do equipo de Antropoloxía da Sociedade de Ciencias Aranzadi. Actualmente traballando entre outras cousas na localización e estudio dos restos de Miguel de Cervantes.

_MG_8165

Con eles no ano 2012 percorrimos a serra de San Mamede en diferentes ocasións para a localización do lugares dos crimes e na percura dunha cova citada na causa e que pudera ter dado acubillo a Romasanta e os seus cómplices.

Naquelas viaxes á Edreira, San Mamede, e as diversas paraxes dos crimes, tamén participaron Marga Sanín, Xerardo Sousa de Esgos, Héctor Salgado de Laza, Benito González de Rebordechao, Nacho Rafael, Miguel Serrulla, e Ponchi de Verín.

P1120626

Temos que agradecer tamén a axuda dos distintos arquivos onde temos consultado fondos tantas veces:

-José Luis Gómez Barceló, cronista oficial de Ceuta, responsable do arquivo Xeral, que nos deu todo tipo de facilidades nas consultas aos seus fondos.

-Juan Sánchez, arquiveiro da parroquia de Nosa Sra. dos Remedios de Ceuta.

P1110223 + MBR Manuel Blanco Romasanta

– O Sr. Teófilo, párroco de Loña do Monte, que conserva os libros parroquias de Santa Eulalia de Esgos, lugar de nacencia de Manuel Blanco.

– O persoal do AHPOu Arquivo Histórico Provincial de Ourense (protocolos notariais,e documentación)

– Susana Ferreira, arquiveira do Tribunal Municipal de Chaves-Portugal (búsqueda dos expedientes de Marta Blanco, posible parella e cómplice de MBR).

-O Arquivo do Reino de 042513_1114_Oslugaresdo1.jpgGalicia.

 

 

Temos tamén un equipo de avezados colaboradores en Madrid, que son Ramón Melado, María Pilar Herreros (Angelines),  e Armenia Chaca, que nos teñen fornecido interesante información sobre o tráfico de unto, e sobre a botica do mosteiro de Montederramo.

E por suposto, as nosas familias, pola súa axuda e paciencia en tantas horas que invertimos nestes quebracabezas. Hoxendía as nosas pequenas saben xa máis sobre o Home Lobo de Esgos que o común dos mortais, e forma parte do seu imaxinario xunto con Hora de Aventuras, Doraemon, ou as tartarugas Ninja.

Sección FAQ Frequently Asked Questions  Preguntas frecuentes

¿E cómo van as investigacións?

De cando en vez, a xente nos pregunta cómo van as investigacións, e cando imos publicar un libro sobre o caso. O certo é que non hai moito tempo para escribir, máis que se cadra seguir publicando algúns avances, e que na medida que se poidan facer públicos irémolos compartindo neste noso blog.

Unha cousa leva a outra, o ano pasado Cástor realizou estudos de Postgrado en Pericia Caligráfica e Grafoloxía pola Universitat de Barcelona para poder estudar as letras do pasaporte falso de MBR, e Félix diversos cursos de criminoloxía e perfilación criminal pola Uned para afondar nas circunstancias das desaparicións das vítimas.

E realmente queda tanto por investigar? 

Sí, hai multitude de liñas abertas de investigación que pasamos a esbozar para os máis curiosos e impacientes:

-A localización dos familiares vivos máis próximos a Manuel Blanco Romasanta (Habelos hainos)

– Novas visitas a San Mamede e os lugares dos feitos

-A transcrición íntegra da causa (1.700 folios), que facilitará o seu estudo ao poder facer búsquedas intratextuais de testemuñas, declaracións, lugares…

-Estudo pericial caligráfico do pasaporte falso para certificar a identidade do primeiro cómplice coñecido de Romasanta

-Estudo de casos relacionados na mesma zona de influencia e próximos nos tempo, incluindo mortes por lobos e outros animais. Houbo casos moi sonados no s. XVIII e XIX que esperamos ir relatando próximamente.

-O comercio do unto nas súas diferentes perspectivas. Primeiro, como parte do imaxinario popular (mito, lenda urbana?), pero tamén os casos reais que aconteceron e aparecen na prensa e literatura médica e química da época, o estudo do corpo humán como medicamento…

– Búsqueda no arquivo do Tribunal de Chaves de documentación relacionada con Marta Blanco, persoa que supostamente visitou a cova de Romasanta na Edreira, e que foi despois detida en Chaves por “fraude de sabao espanhol”

….

Si, si, todo isto é moi interesante, pero… Seguro que morreu en Ceuta en decembro de 1863?

Que si home que si. Hai moita xente ca que conversamos que segue descoñecendo este dato, ou que mesmo nos din non é certo que morrera en Ceuta e que é un bulo que se ten difundido por internet. Recomendamos ler as comunicacións que fixemos no I e II Xornadas MBR onde damos conta da prensa da época e da inscrición no libro de defuntos do seu falecemento no Penal de Ceuta que corrobora ise dato.

Era un serial killer? Sería un licántropo, non? Porque o home do unto non existe! 

As cousas son asegún, como dicía Don Vicente Risco. Nós inclinámonos pola teoría de que a súa pretendida licantropía era un subterfuxio e que foi un criminal que aproveitou todo o que puido das súas vítimas. Ata onde puido chegar nese aproveitamento é o que nos queda por verificar.

En canto ao comercio de graxa humana (que os seus conveciños deron por certo), recomendamos ler as entradas que temos no blog, así como os traballos da Dr. Pribyl sobre o corpo humano como medicamento e comercio de unto.

Como sempre hai incrédulos, podedes facer algunha rápida busca en internet sobre “enjundia hominis” o “axungia hominis”, e atoparedes albarelos hoxe expostos en museos da historia da farmacia en Austria e Alemaña, para a conservación da graxa humana, que era un compoñente que entraba na composición de menciñas para moi diversas doenzas (principalmente nerviosas). Tamén foi obxecto de comercio en España, e así en diversos arquivos nacionais, un pode atopar diversos recibos do boticario real pola compra de “unto de hombre”.

–   –   –

De cando en vez xente que quere incluír nos seus programas de TV, libros ou artigos informacións do caso MBR consúltannos qué descubrimentos temos e nós sempre lles remitimos ao publicado neste blog.

Buscamos ofrecer información elaborada, de calidade, de produción propia e ao mesmo tempo novidosa, pero sempre en primeiro lugar a través das nosas propias publicacións. Por ista razón, os dereitos de autor do blog están rexistrado cun ISSN como revista electrónica.

Así que como sempre, lembrámoslles as persoas que nos solicitan información, que no ámbito académico e divulgativo hai unhas normas APA moi sinxelas de seguir para citar as fontes, e que sempre se deben respeitar, que permiten aos futuros leitores e estudiosos contrastar a procedencia dos datos, ao tempo que respeitan os dereitos intelectuais dos que dedican e dedicamos moitas horas e enerxías á investigación, sexa do tipo que sexa.

NOTA: En 2018 decidimos suprimir do noso blog bastantes entradas sobre as nosas investigacións no caso Manuel Blanco Romasanta, despois de recibir a enésima chamada para saír nun programa de TV de emisión nacional, e comprobar que o noso esforzo e afán de difusión vale para que productoras, publicacións etc se documenten e enchan de contidos os seus programas, libros, etc, sen ningún tipo de compensación.

Se alguén precisa información seria para algún proxecto interesante e con posibilidades de remuneración, estaremos encantados de negociar os termos da nosa colaboración.