Arquivo da categoría: Faustino Santalices

Catálogo de Zanfonas Históricas

Comprácenos difundir que xa está en liña o Catálogo de Zanfonas Históricas do CENTRAD de Lugo, dirixido por Luciano Pérez, onde se pode consultar modelos 3D de 25 zanfonas antigas, e máis as fichas que se presentaron no congreso Celme da zanfona en Setembro de 2021.

https://cultura.deputacionlugo.gal/gl/centrad/catalogo_zanfonas

Eu tiven a fortuna de participar neste apaixoante proxecto xunto con Alejandro Dapena e Carlos Castro, con quen aprendín moítisimo sobre a construción do instrumento.

Con esta aplicación, podedes abrir a ficha detallada sobre a historia e detalles construtivos de cada unha delas, xirar o modelo 3D, ver fotografías de detalle e do interior, descargar modelos en CAD para ter todas as medidas, etc. etc.

Un grandísimo avance para a investigación da zanfona galega e ibérica!

Encontro «Celme da zanfona» en Lugo, 10 a 12/IX/2021

Este venres comeza «Celme da zanfona» organizado polo Centrad e a Deputación de Lugo-Vicepresidencia, un formidable encontro de zanfonistas, artesáns, estudosos/as en Lugo, ao que vos podedes inscribir en celmedazanfona@gmail.com

Eu participarei xunto con Carlos Castro e Alejandro Dapena o venres día 10 expoñendo as medicións e estudio de varias zanfoñas que nos foron encomendadas.

No meu caso farei unha breve exposición sobre a zanfoña donada por Faustino Santalices ao Museo Arqueolóxico de Ourense.

Eu non son artesán e concretamenteos meus coñecementos sobre os aspectos construtivos eran moi limitados, e aprendín nestes meses moitísimo sobre o instrumento gracias a Alejandro e Carlos.

Podedes descargar o programa completo aquí

Actas do V Congreso de Patrimonio Etnográfico Galego

Scan-160623-0002.jpg

Coma sempre, ao ires chegando o verán, empezan a aparecer os froitos de colaboracións e traballos que realizamos no ano anterior.

No mes pasado presentáronse as Actas impresas do V Congreso Internacional de Patrimonio Etnográfico Galego, organizado polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo de Ourense, cheo de relatorios do máximo interese, para o que fixemos unha pequena comunicación e vídeo sobre “Faustino Santalices Muñiz. Doutor en Mediciña e Cirurxía, Afiador“, e do que xa vos anticipamos o seu contido nunha entrada anterior.

Podedes descargar as actas en formato pdf neste enlace. Non sabemos se sairán á venda en papel ou se só estarán dispoñibles solicitándoas ao Centro de Cultura Popular,  www.ccpxaquinlorenzo.es

“La Farruca está cansada, ya no quiere trabajar…” Faustino Santalices en defensa da Farruca

Fai moitos anos tuvemos a fortuna de coñecer a Ildefonso Santalices, quen fora farmacéutico e xuíz en Bande. Ildefonso era sobriño de Faustino Santalices, o músico, artesán, investigador. E foi Ildefonso a primeira persoa que nos aproximou a esa gran figura da nosa música, deixounos os discos de zanfoña (daquelas descatalogados e inatopables), e nos contou moitas anécdotas e historias cheas do cariño e admiración que lle tiña.

Ildefonso tamén nos emprestou algún poema de Santalices (a meirande parte da súa obra está inédita) e en concreto este que compuxo na defensa da Farruca, que nos gustou e queremos difundilo hoxe no Día internacional da muller.

Ildefonso non nos contou a historia pero do propio contido das cuartetas, dilucídase que alguén chamado José González Otero, emigrado a Buenos Aires, compuxo uns poemiñas firmados como Gabino, despedíndose do seu Lovios querido e da súa mullerciña, de nome Farruca.

farruca 1

farruca 3

farruca 2

O tal Gabino, despedíase con moito sentimento da súa Farruca, deixándolle todo tipo de encargas, que lle coidara as viñas, a cabra, a vaquiña, que non lle dera disgustos…

Debeu quedar moi contento coas coplas, porque lle pediu a Faustino Santalices que lle puxera música, e a contestación de Santalices, moi apropiada, foi a que segue:

farruca 4farruca 5farruca 6

Gústanos particularmente o feito de que as cuartetas empezan nun correcto castelán, e cando Santalices acaba o seu alegato en defensa do honor da rapaza  e co rexeitamento das andraxadas a está sometida, os seus sentimentos abrollan cun galego poderoso.

Contan que Santalices era unha persoa enteira e vehemente: Aí queda esa raza e xenio de Faustino Santalices en defensa da Farruca.

Vídeo “Faustino Santalices. Tradición Musical Galega” (versión longa, 5:24 minutos)

 

Vídeo versión longa (5:24 minutos) realizado por Ponteonline para o Museo de Pontevedra, sobre a exposición de Faustino Santalices (Abril 2015), con imaxes da inauguración e pequenas entrevistas que nos fixeron xunto con Eva Jiménez del Río (nora de Faustino Santalices Pérez).

 

Exposición “Faustino Santalices.Tradición musical galega” no Museo de Pontevedra

 

cartel fs pontevedra

 

Comunicámosvos a excelente nova de que o vindeiro xoves 19 de marzo ás 19 h inauguramos a exposición Faustino Santalices. Tradición musical galega no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra (anexo ao Sexto edificio), que estará ata o día 12 de abril.

Previamente estivo no Museo Etnolóxico de Ribadavia, así como no Museo Municipal de Ourense. Alí a ampliamos con entrevistas a Faustino Santalices fillo no taller do pai, e novos elementos como o traxe tradicional galego de Faustino Santalices, o torno, e tres amplas vitrinas con documentación de Santalices en Ourense e partituras, libros, discos e postais da súa biblioteca.

A exposición leva catro anos empaquetada, o que nos supuxo un especial esforzo para a nova montaxe, así que desfrutade con nós desta nova oportunidade de promover a inmensa persoalidade e traballo de Faustino Santalices!

 

convite santalices pontevedra

 

 

TRIPTICO 20x20 expo SANTALICES Pontevedra chtrz (2)-1

TRIPTICO 20x20 expo SANTALICES Pontevedra chtrz (2)-2

 

O caderno perdido de Faustino Santalices (e II)

 

Completamos a entrada anterior ca comunicación elaborada por Iván Area e Cástor Castro para o Congreso Faustino Santalices. Ciencia da gaita, consciencia da zanfona que tivo lugar en febreiro de 2011 no Auditorio Municipal de Ourense.

Publicouse nas Actas do Congreso (Ed. Difusora de Artes, Letras e Ideas, Ourense 2011), 240 páx., que conta con dezaséis comunicacións diversas, sobre o seu contexto vital, o seu traballo como artesán, como investigador, intérprete, e que ademáis vai acompañado coa planimetría detallada de dúas gaitas orixinais, unha en dó e outra en si bemol, así como das brocas que empregaba, unha auténtica maravilla de planos que confeccionou Ramón Marín.

Podedes adquirir as actas na páxina web da Difusora pinchando aquí ou na imaxe inferior, ou ben encargalo nas vosas librarías habituais

 

2011-agosto-congreso_faustino_santalices-int

 

 

 

O caderno perdido de Faustino Santalices (I)

portada caderno

No decurso dunha investigación son moitas as pequenas e grandes sorpresas que van xurdindo.

En setembro de 2010 apareceu na casa familiar dos Santalices en Madrid o que demos en chamar O caderno perdido de Faustino Santalices.

Trátase un minúsculo caderno, unha auténtica xoia, apenas de 12,5 x 7 cm, nos que o xenial artesán e músico levara contas das súas ventas de gaitas, punteiros, zanfoñas, palletas, e ferramentas dende 1928 ata 1949, o que nos permitiu non só aproximarnos a datos sobre a produción de instrumentos que fixo en boa parte da súa vida, tamén prezos, destinatarios dos instrumentos, e un sen fin de novos fíos que seguir.

No Congreso sobre Faustino Santalices que organizamos en Ourense en 2011, preparamos xunto con Iván Area unha comunicación sobre o caderno, ca súa transcrición, cómputos totais de producións e primeiras consideracións sobre a mesma. En días posteriores subiremos unha copia do estudio.

Agora en exclusiva para todos vós, presentamos a libretiña para os interesados e curiosos que queirades darlle unha ollada. Hai tamén nas páxinas 15 a 18 informacións non musicais, como unha lista de bargueños (mobles de escritorio de madeira), ou mesmo gastos correntes da familia (telegramas, uns zapatos…). Tamén aparece unha incógnita que podedes tentar descubrir: Non sabemos qué significado teñen os signos que aparecen nas tres primeiras liñas da parte superior da páxina 1