Arquivo da categoría: Gomes Mouro

Concerto do Centenario coa Coral De Ruada, 12-IV-19

Este mes de Abril ven cargadiño de actividades musicais, despois da presentación do primeiro vídeo promocional de TOR, toca o turno a unha esperadísima colaboración no concerto de celebración do Centenario da Coral de Ruada, mañá 12 de Abril no Auditorio Municipal de Ourense.

É unha agrupación musical que admiramos moito e destaca polo grandísimo corazón que teñen e o altísimo nivel musical que ofrecen, cunha actividade incansable!

Gomes Mouro estaremos con eles interpretando tres temas en solitario, máis outro tema con eles; e disfrutaremos tamén da participación de Luar na Lubre, Os Melidaos, Rebulir e Treixadura

Mañá nos vemos!

XIV Día do Orgullo Gaiteiro, 25-XI-2017

CARTAZ OG 2017.jpg

Un ano máis, organizamos o Día do Orgullo Gaiteiro para homenaxear a persoas senlleiras na música galega actual. Nesta edición queremos adicar o noso cariño e recoñecemento a Mercedes Peón e a Ché Vázquez, O “Ché da Luaña”.

Para os habituais desta cita anual, destacaremos que iste ano o desprazamos ao Edificio de Ferro no Campus UVIGO en Ourense, Sala Emilia Pardo Bazán (non vaia ser o demo que alguén se achegue ao Auditorio municipal despistado).

Concerto dos amigos Coral De Ruada

16-06-24(I).jpg

 

Mañá Venres 24 de Xuño San Xoan ás 21 h no Teatro Principal de Ourense, terá lugar o concerto dos Amigos que ofrece a Coral De Ruada todos os anos.

Nesta ocasión será ademais un acto aínda máis especial e entrañable se cabe pois é o acto-presentación do seu novo disco, no que colaboraron multitude de músicos.

Estaremos alí interpretando o Canto de Ronda de Randín e o canto de Seitura, que gravamos con eles.

Recollemos a nota difundida pola Coral na súa páxina

“Este CD-DVD que presentaremos o próximo día 24 é un caso insólito dentro da ampla discografía da Coral De Ruada porque, por primeira vez na súa longa historia, grava temas con colaboracións dos máis relevantes artistas do panorama da música folk galega e mesmo de fóra de Galicia.

A nómina de artistas é colaboradores é ampla: Cristina Pato, Irma Fernández Alonso, Gomes Mouro, Brañas Folk (ourensáns);  Luar na Lubre, Milladoiro, Treixadura, Os Melidaos (galegos) e Andrew Cronshaw e Tigran Aleksanyan (inglés e armenio, respectivamente).

Caso aparte é a achega dos coros infantís. Quixemos que tamén formase parte deste CD un tema no que participasen os 68 nenos e nenas dos coros infantís dos colexios Concepción Arenal, CEIP Curros Enríquez, Colexio Miraflores e Colexio Padre Feijóo – Zorelle, que colaboraron connosco durante o curso 2014-15.

No concerto do próximo día 24 interpretaremos varias das cantigas do CD, algunhas coa colaboración dos grupos que nos axudaron na gravación. Tamén cantaremos varias cantigas cos coros infantís dos colexios cos que temos convenio de colaboración neste intre: CEIP Irmáns Villar, CEIP Curros Enríquez e e Colexio Padre Feijóo – Zorelle.”

As músicas de Paco de Escornabois no Venrespirar

No primeiro Venrespirar desta temporada, 14-II-2014, Félix e mais eu recuperamos da nosa memoria moitas pezas de Paco de Escornabois para interpretalas como anticipo do Entroido, onde Paco foi o Rei. Interpretámolas acompañados de Quiños Saburido ao tambor, Fernando de Vicente ao bombo, e Aser Lorenzo na pandeireta.

A familia de Paco pediunos se podiamos gravalo de recordo, e decidímonos a subilo á web para desfrute de tanta xente que nos lembramos de Paco.

O concerto, como non podía ser doutro xeito, é froito das nosas principais influencias musicais, unha mixtura alquímica entre Paco de Escornabois e Faustino Santalices: Repertorio de Paco, interpretado nunha gaita en Do de Faustino Santalices, de toque pechado, combinado cos áxiles picados a man completa que popularizou o Sr. Paco. Acompañados ademais por un tambor feito por Pablo Carpintero seguindo as medidas dos tambores que tocou Faustino Santalices fillo, que ofrecen un son máis grave.

Nen antes nen despois,
sempre Paco de Escornabois!

 

Mesa Redonda sobre o ensino no baile tradicional galego. X OG

Subimos por fin a Mixcloud a interesantísima mesa redonda sobre o ensino no baile tradicional galego, na que participaron Mercedes Peón, Luis Prego, Lucía Cedrón de AOFT Gomes Mouro, e Xavier de Castro Floxo, moderada por Francisco Aguiar de Algaravía. Tivo lugar o X Día do Orgullo Gaiteiro, o sábado 29-XI no Auditorio Municipal de Ourense, como continuación da conferencia de Mercedes Peón que podedes escoitar aquí.

Inician os Venrespirar!

Este venres 14 de febreiro principia nada menos que a X Edición dos Venrespirar. Esta primeira cita será no Liceo, a partires das 22:30 h.

Iniciaremos Félix, Cástor, Marquiños e o bombeiro misterioso (por determinar), con repertorio de Paco de Escornabois, Tribute Band ao Sr. Paco. Despois tocarán  Arrueiro, e logo participación aberta, e o baile será guiado por Algaravía. Esperámosvos a todos para desenferruxar o corpo!