Arquivo da categoría: Deseño

Ígor Medio, Selmana de les Lletres Asturianes!

Recordámosvos! Empeza a Selmana de les Lletres Asturianes dedicado a noso querido Igor Medio!

Aquí podedes ver todas as actividades.

Félix e mais eu iremos para participar no concerto do mércores 4, entrada gratuita (se cadra aínda queda algunha)

Ademais vai ser emitido en directo pola RTP, e poderedes ver pola súa páxina de internet https://www.rtpa.es/tpa-television

O concepto e o deseño de «TOR Folk Céltico da Galiza» (II)

O interior do Digipack

Mentres no exterior, as referencias estéticas son máis galaicas, castrexas, ao abrir o Digipack, comeza a viaxe  e os referentes dispáranse en diversas direccións:

 A BANDEXA do CD

Un dos elementos que da nome ao grupo é o Pazo de Tor (como podede ver na entrada sobre o noso nome). Trátase dunha antiga casa fidalga sita na parroquia de San Xoan de Tor, perto de Monforte (Lugo). Dese pazo saíu a zanfoña coa que gravou nos anos 50 o famoso artesán e intérprete Faustino Santalices os seus discos de pedra. Dentro das moitas marabillas que atesoura no pazo destaca o Labirinto de Tor, que quixemos que tivera presencia dalgún xeito no presente  traballo.

Iste labirinto pétreo foi deseñado no s. XVIII por un arquitecto italiano descoñecido e antigamente formaba un xardín decorativo. Podedes visitar virtualmente os espazos do Pazo aquí

En plena pandemia durante o deseño do CD  estivemos buscando na rede representacións do labirinto axeitadas, e atopamos a que fixo Suso Barral que nos pareceu formidable para a bandexa, o mundo xirando a redor do centro do Laberinto de Tor…

A GALLETA do CD

Démoslle moitas voltas a este deseño, quixemos que fora algo pétreo, que o Kallaiko de Vitrubio estivera tamén xirando nel. Finalmente optamos por un deseño circular proxectado sobre a pedra formosa do castro de Briteiros (Portugal), datada entre 300 e 100 A.C..

As pedras formosas  forman parte da arquitectura monumental nalgúns castros da cultura galaica. Eran grandes lousas de pedra decoradas con diversos motivos e que daban entrada por unha pequena abertura á sauna ou balneario, espazos sagrados destiñados a rituais con auga e lume.

Deste xeito a pedra Formosa do CD, protexida polo Kallaiko de Vitrubio, abre paso a un Outro mundo, o espazo sonoro do proxecto.

O concepto e deseño de «TOR Folk céltico da Galiza» (I)

Coincidindo cos Premios Min e que optamos ao premio de «Mellor deseño gráfico», plantexámonos facer algunhas entradas sobre o deseño do noso primeiro CD e a orixe dos elementos que atopades nel.

A maior inspiración proven do amigo e deseñador Paco Boluda, que realizou elementos centrais do CD como a portada e o Cronobecho. Recomendámosvos encarecidamente que visitedes o seu traballo en Facebook

A PORTADA

A idea forza dos traballos de Paco Boluda é que a estética kallaika é tan potente e propia que se pode presentar, actualizar, acoplar e misturar con calquer outro estilo de arte que nos imaxinemos (renacentista, Art nouveau, maquinismo, steampunk…). Nese sentido debería ser recuperada e reivindicada como produto estético, cultural e mesmo recurso de deseño .

Na portada do Digipack destaca o Kallaiko de Vitrubio, obra de Paco , na que misturando dúas nocións de arte, combinou unha figura moi coñecida como o home de Vitrubio de Leonardo da Vinci e a súa proporción áurea, c.1492, coas estatuas dos guerreiros galaicos, s. V a III A.C. (aos que tamén se lles aplicou a proporción áurea). Ambas son moi representativas de dúas épocas, unha da Idade de Ferro e outra do Renacemento, mais dous conceptos aparentemente moi diferentes que no fondo únense na esencia.

Deseño orixinal de Paco, que despois foi incorporado como símbolo central en TOR

Para a texturación do fondo da capa, tipo pergameo, empregamos a tapa de coiro de año dun tomo antigo do s. XVII, que temos no Arquivo Castro Vicente.

Portada, contraportada e lomo do Digipack enmarcámolas con motivos xeométricos procedentes dunha lousa de pedra de orixe castrexo que apareceu dada a volta facendo o altar da capela de  Formigueiros, Trasalba-Amoeiro, (Ourense).

A tipografía de TOR, marca identificativa do grupo, e do texto “Folk Céltico da Galiza”, extraímola da espectacular lápida fundacional do mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos-Ourense) datada no  573 D.C. (en pleno reinado suevo), que temos no Museo Arqueolóxico de Ourense. Ten ademáis moitas características comúns con tipografías medievais que se teñen espallado no S. XX no imaxinario como arte céltico.

E na contracapa adiantamos xa uns elementos do deseño do Cronobecho que vai no interior.