Vídeo da exposición Faustino Santalices no Museo de Ribadavia (2010)


(Para ver a pantalla completa en HD, pulsar en Vimeo, e despois elexir pantalla completa)

De xuño a decembro de  2010 e despois de anos de traballo presentamos no Museo Etnolóxico de Ribadavia a exposición Faustino Santalices. Tradición musical galega (xuño-decembro 2010). Foi producida polo Arquivo Castro Vicente,  Edenia e Difusora para este museo, co apoio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Esta exposición tivo despois continuidade en Ourense en 2011, cos actos en torno ao 50 aniversario do pasamento de Faustino Santalices, que incluíron o  congreso FS. Ciencia da gaita, consciencia da zanfona, o concerto-homenaxe Sanfonices, do que xa saíron ao mercado as actas e gravación en directo. Máis adiante seguiremos publicando materiais de interese sobre esto.

Co ánimo de facer visible na rede esta exposición editei este pequeno vídeo dela. Estamos a xestionar a súa continuidade  en 2012-2013 noutras cidades de Galicia,  confiando que cedo poidamos darvos boas novas ao respecto.

Para os poucos que quizais non o coñezades, Faustino Santalices Pérez (Bande 1877 – Madrid 1960) é unha das figuras centrais da música galega: Investigador, artesán e intérprete de prestixio, podémolo considerar con toda xustiza o Artista total.

Como investigador recompilou o repertorio dos vellos gaiteiros e as cantigas tradicionais, foi destacado conferenciante sobre os máis diversos temas relacionados coa música tradicional e medieval galega, e foi considerado no seu tempo o máximo coñecedor da historia e técnica da gaita e da zanfona.

Como artesán foi o primeiro construtor científico da gaita e o recuperador en solitario da zanfona, instrumento que o seu teimudo traballo de anos salvou dunha perda irremediable. Preocupado por transmitir os seus coñecementos, fundou a primeira Escola-Taller de instrumentos tradicionais de Galiza.

Como intérprete foi un gaiteiro de renome que recolleu éxitos por toda a xeografía española. Tamén foi o único zanfonista na península durante boa parte do século XX, encarnando en si mesmo o espírito da xograría, o último xograr galego.

Agradecemos os vosos comentarios