Arquivo por etiquetas: San Cipriano

Galería fotográfica da Exposición «San Cipriano o Mago»

Deixámosvos unha pequena galería fotográfica de vitrinas e detalles da exposición comisionada por Félix Castro e con obxectos da nosa colección no Museo Etnolóxico de Ribadavia, prevista ata finais de decembro de 2021. Fotografías de sala realizadas por Xosé Lois Vázquez, e fotografías de detalle por Mark Ritchie realizadas para o catálogo.

A selección de pezas de diferente natureza buscan amosar a súa ambivalencia na realidade e no imaxinario popular, pola súa fama de Santo vinculado con prácticas relixiosas en toda Europa, África e parte de oriente dende antigo, senlleiramente mediante a “Oración de San Cipriano”, eficaz contra feitizos e o mal de ollo; e por outra banda con prácticas máxicas relacionadas co libro de maxia coñecido como “Libro de San Cipriano” ou ciprianillo na península ibérica, vinculado en Galiza e Portugal á busca de tesouros ocultos, contextualizando esta obra no mundo dos libros de maxia e prácticas máxicas europeas.

 A exposición compónse dun total de máis de 150 obxectos:

50 obxectos relixiosos relacionados con San Cipriano (oracións de San Cipriano, gravados, pregos de cordel, libros de vidas de santos, iconos, amuletos, rolos máxicos etíopes) procedentes de numerosos países, España, Portugal, Italia, Francia, Rusia, Grecia, Armenia, Etiopía,  etc.
20 libros de maxia (grimorios) europeos  (escandinavos, alemáns, italianos, franceses), moitos deles do s. XIX, algúns vinculados directamente a San Cipriano e outros textos que influenciaron no contido dos nosos ciprianillos.
40 libros de san Cipriano do s. XIX ata mediados do s. XX, incluíndo as edicións primeiras e máis buscadas edicións coñecidas, tanto portuguesas, españolas, mexicanas, brasileiras, arxentinas, italianas, etc.  

18 obxectos relacionados coa busca de tesouros (varas de san Cipriano para localizar tesouros ocultos, reprodución dun circo máxico de desencanto de tesouros, reproducións de gacetas e listas de tesouros, etc.)
25 obxectos máxicos relacionados co culto a San Cipriano en todo o mundo, tanto obxectos esotéricos como cartas de cartomancia, amuletos e aneis; de Santería (aceites, velas, etc.) como de bruxería tradicional de Galicia (incluíndo a alla das bruxas).

Animádevos visitalo e descubrir a apaixoante historia de San Cipriano, os grimorios máxicos en Galicia e o desencanto de tesouros.

E tamén vos anunciamos que próximamente sairá á venta o catálogo a toda cor da exposición!

Ambito I Cipriano o Santo

Ámbito II Cipriano o Mago

Ámbito III: A busca e desencanto de tesouros

Ámbito IV: San Cipriano no mundo

Continúan as conferencias no Etnolóxico de Ribadavia 12/XI/2021

O venres ás 20:00h retómanse as conferencias arredor do mundo de San Cipriano de man de Bea Comendador e Félix Castro.

Á conferencia pódese asistir de forma presencial ou pola internet a través da plataforma Falemos da Xunta de Galicia copiando no navegador a seguinte dirección:

https://falemos.xunta.gal/CCEU_MuseoEtnoloxico…

e o contrasinal: BibliotecaMER

O acceso a Falemos recomenda realizarse a través dos navegadores Google Chrome e Chromium tanto para equipos con Windows, Linux ou MacOs.

Se a conexión é desde un smartphone ou tablet hai que descargar a aplicación Jitsi Meet.Entrada libre ata completar capacidade.

Observaranse as medidas de prevención establecidas na lexislación vixente ante a crise sanitaria ocasionada pola covid-19

Exposición San Cipriano no Etnolóxico de Ribadavia

Parece que non fai tanto e a exposición xa leva instalada no Museo Etnolóxico nada menos que dende Novembro de 2020. Podédela visitar ata o mes de decembro de 2021, quedan apenas un par de mesiños, non faltedes!

Podedes conxugar a visita coa asistencia a algunha das conferencias. E estáse a ultimar un magnífico catálogo, inzado de magníficas fotografías e información que dará moito que ler e falar.

(Fotografías xerais da exposición de Xosé Lois Vázquez, e detalles por Mark Ritchie)

Conferencias sobre San Cipriano no Etnolóxico de Ribadavia

Este venres 1 de outubro principa o ciclo de conferencias entorno a exposición «San Cipriano o Mago: de oracións, ciprianillos e tesouros».

Non perdades a oportunidade de coñecer un pouco mais sobre esta personaxe vinculada aos tesouros, feitizos e males de ollo.

Doutra banda a exposición permanece aberta ata decembro de 2021. Se aínda non tedes pasado polo museo para vela, xorde unha nova oportunidade.

A primeira conferencia do investigador portugués José Leitão será ás 20 h do 1 de outubro no propio Museo Etnolóxico co tema “Livros de São Cipriano précontemporáneos: Relatos e manuscritos“.